Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Cando o galego se fai música e historia ao mesmo tempo

Combinar a narración oral, a literatura infantil contemporánea e a música. Ese é o obxectivo de  ‘Son de contos’. A partir de tres relatos, obra de escritoras e escritores galegos contemporáneos, outros tantos compositores do ámbito da musica culta elaboran cadansúa partitura nun exercicio de sensibilidades, confluencia e compenetración.

A escritora viguesa Ledicia Costas encargarase de poñerlles voz aos relatos ao actuar de narradora, mentres que a Banda Municipal de Santiago baixo a dirección de Casiano Mouriño se encargará da música e o Orfeón Terra A Nosa interpretará os coros. O equipo artístico complétase coa soprano Clara Planas. A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago xunto ao Concello de Santiago e a Banda Municipal de Santiago organizan este evento que terá lugar para este domingo, 20 de novembro, ás 12.00 horas, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.

A primeira das pezas que se escoite o domingo será ‘A galiña, o lagarto e o burro’. Trátase dun conto infantil de Manuel Lourenzo publicado en 2009 cuxa partitura compuxo o pontevedrés Fernando Ruibal. A segunda obra será ‘Un cesto cheo de misterios’, escrito pola académica de número da Real Academia Galega e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil Fina Casalderrey. A música desta peza corre a cargo do lituano Julius Andrejevas. Por último, o conto de 2012 asinado conxuntamente por Xoán Babarro e Ana María Fernández ‘Os xigantes de nunca acabar’, e musicado polo barcelonés Carlos M. Cambeiro, poralle o ramo a ‘Son de Contos’.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.