A campaña ‘Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra’ fará parada este venres en Boimorto cunha sesión que procurará implicar distintas xeracións na conservación dos nomes tradicionais do territorio. A actividade celebrarase a partir das 11.00 horas na Casa da Cultura e reunirá alumnado do CPI Armando Cotarelo Valledor, persoas usuarias do Centro de Maiores e todos os veciños e veciñas que desexen participar.
O encontro terá como obxectivo ensinarlles aos asistentes a recoller, localizar e conservar microtopónimos, desde os nomes de leiras e soutos ata os de camiños, montes ou outros elementos do territorio. Para facelo empregarase Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa que permite introducir e xeorreferenciar topónimos de toda Galicia mediante dispositivos como o teléfono móbil.
A sesión estará impartida por Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), e será presentada pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo Gómez. A iniciativa forma parte da campaña organizada pola Real Academia Galega en colaboración coa Xunta de Galicia, que busca ampliar a rede de persoas colaboradoras na recolla do patrimonio toponímico e divulgar a diversidade dos nomes de lugar existentes no país.
A parada en Boimorto terá unha especial dimensión interxeracional. A proposta pretende que a rapazada poida achegarse ao coñecemento das persoas maiores sobre os nomes tradicionais da contorna e á memoria oral asociada a eles. Esa información poderá despois trasladarse á plataforma dixital para evitar que desapareza a medida que se perde o uso ou o coñecemento destes nomes.
Esta tarefa cobra especial relevancia no municipio, xa que Boimorto figura entre os concellos cunha menor presenza de microtoponimia no visor de Galicia Nomeada. O territorio municipal non foi obxecto dunha recolla sistemática durante o desenvolvemento do Proxecto Toponimia de Galicia, levado a cabo entre os anos 2000 e 2011.
A situación apenas mudou coa posta en funcionamento de Galicia Nomeada hai case sete anos. Durante este período, só se incorporaron 14 topónimos do concello, principalmente denominacións de terras e montes e algún elemento de interese cultural. A sesión deste venres pretende, por tanto, servir tamén como punto de partida para incrementar a documentación dispoñible sobre o territorio de Boimorto.
Aprender a gardar nomes, fotografías, sons e historias
Os contidos da actividade estarán adaptados á variedade de idades das persoas participantes. Vicente Feijoo comezará cunha aproximación á riqueza toponímica de Galicia e aos factores que nas últimas décadas están a provocar a desaparición de parte deste patrimonio cultural inmaterial.
A partir de aí, a sesión centrarase no funcionamento de Galicia Nomeada. As persoas asistentes aprenderán a incorporar novos topónimos, situalos xeograficamente e acompañalos con fotografías ou gravacións de son. A ferramenta tamén permite conservar a pronuncia dos nomes e engadir información relacionada coa tradición oral, como historias ou lendas asociadas aos lugares.
Deste xeito, a recolla non se limita á localización dun nome nun mapa, senón que permite documentar outros elementos vinculados á memoria colectiva. A participación das persoas maiores pode resultar especialmente relevante neste proceso polo seu coñecemento de denominacións que aínda sobreviven oralmente, pero que non sempre aparecen na cartografía ou na documentación oficial.
A charla dedicará tamén un apartado aos cambios que afectaron a Boimorto coa actualización do Nomenclátor de Galicia publicada en marzo de 2026. A nova versión incorporou dez entidades de poboación do municipio que non figuraban no documento anterior e introduciu modificacións nas denominacións oficiais de varias aldeas.
Entre os casos que se abordarán na sesión atópanse os cambios de Lavandeira a A Lavandeira, de O Outeiro a Outeiro, de Samil a Saamil e de Dormeá a Dormeá ou A Igrexa. Estes exemplos servirán para explicar o proceso de revisión e fixación das formas oficiais da toponimia galega.
A última parte do encontro estará dedicada á orixe e ao significado dos nomes das parroquias e aldeas de Boimorto, cunha investigación etimolóxica na que colabora o académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
A lenda que une Boído, Boimil e Boimorto
Entre os nomes que se analizarán figuran Boído, Boimorto e Boimil, tres topónimos cuxa semellanza formal deu lugar a unha explicación popular que quedou recollida xa hai un século. Armando Cotarelo Valledor, que dá nome ao centro educativo do municipio participante na actividade, deixou constancia desta tradición no número 48 da revista Nós.
Segundo aquela narración, “o orixe de tales nomes está pra os veciños de Boimorto en que vindo certa vez por estas terras un ganadeiro con moita récua (‘Boi-mil’) desmandóuselle unha das cabezas (‘Boi-ido’), que foi perseguido polos mozos hastra que o mataran (‘Boi-morto’)”.
A historia exemplifica tamén como arredor dos nomes de lugar se foron construíndo lendas e explicacións transmitidas entre xeracións, aínda que a análise etimolóxica científica poida situar a súa verdadeira orixe noutros procesos lingüísticos e históricos. Precisamente esa combinación entre lingua, territorio e tradición oral será unha das cuestións que se abordarán na actividade.