“O acceso ao sistema educativo exerce un forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás, moito antes do constatado nos estudos realizados ata o momento, centrados maioritariamente na adolescencia”. É a dura realidade que sinala a RAG tras a presentación do Mapa sociolingüístico escolar de Ames no que se detecta unha perda do 10% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. Esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata cifras extremadamente preocupantes: na secundaria só o 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües. Os procesos de substitución lingüística cara o castelán inícianse, pois, na infancia e consolídanse na adolescencia.
A investigación, na que se tiveron en conta os resultados de enquisas e mais as observacións directas nos centros, contou coa participación de máis de 2.000 familias, 264 docentes e case 1.800 escolares e estudantes dos 20 centros educativos públicos e privados deste municipio da provincia da Coruña; e tamén implicou o monitorado e outros axentes responsables de ofertas complementarias, desde o comedor ata actividades deportivas, que conforman contextos de socialización escolar secundaria de importancia crecente. A análise servirá de base para un novo traballo de intervención educativa no que se elaborarán propostas para a mellora da situación da lingua.
Os datos do mapa sociolingüístico da poboación escolar de Ames amosan un panorama no que a presenza como lingua habitual do alumnado vai recuando a medida que se suceden as etapas educativas. O 41% das nais e o 47,5% dos pais dos cativos e cativas do primeiro ciclo de infantil falan habitualmente galego, e arredor do 12% ambas as linguas. Canto aos propios menores nesta etapa, as porcentaxes redúcense ao 32,4% do galego como lingua habitual e ao 18% das dúas por igual. Pero, ademais, un fillo ou filla de cada dez (11,5%) renuncia á lingua familiar xa no seu primeiro contacto coa escola.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo; a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín López; e o director do CEIP de Barouta, Alonso Barreiro Caxade, presentaron esta tarde na Casa da Cultura de Bertamiráns os resultados do proxecto, recollidos nun volume dispoñible na sección de publicacións de academia.gal.
A mala influencia da escola
Os procesos de muda cara ao castelán semellan aumentar desde arredor dos 2 e 3 anos ata os 6 e 7, no paso do ciclo de infantil ao de primaria, que pode implicar cambios de centro educativo e redes sociais. Este fenómeno constitúe un resultado novidoso non constatado previamente nas pescudas sociolingüísticas levadas a cabo en Galicia, e ten fondas implicacións. “Sen ir máis lonxe, as políticas lingüísticas desenvolvidas ata o de agora estiveron centradas na educación secundaria, é dicir, anos despois de sucedida esta muda. Os datos convidan a cuestionar este modelo e reflexionar sobre as modificacións precisas para estas políticas”, suxire o informe, elaborado polo académico Henrique Monteagudo e Xaquín Loredo, Lidia Gómez e Gabino S. Vázquez-Grandío.
“O que demostra este traballo é que o medio escolar non é amigable para o galego”, resume Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, responsable da investigación. “É hostil, non proporciona aos rapaces e rapazas galegofalantes o ambiente adecuado para desenvolveren as súas competencias e capacidades comunicativas na súa propia lingua, senón que provoca a súa retracción, e tampouco facilita que os castelanfalantes adquiran esas competencias”, precisa. Incluso, subliña, “máis do 50% dos estudantes de secundaria declara non sentirse cómodo á hora de expresarse en galego en público”.
Pero cando se fala do efecto desgaleguizador da escola hai que ter en conta que se fai tanto dentro coma fóra das aulas. “Nos centros educativos organízanse tamén actividades de lecer, deportivas, formativas complementarias… Sen restarlle a importancia que por suposto ten a regulación da lingua como elemento vehicular da docencia, cando se considera o papel que ten a escola en materia de prácticas, competencias e mesmo actitudes lingüísticas cómpre un enfoque global que teña en conta todas estas actividades que se ofertan fóra do currículo ”, explica o académico.
Porén, o informe revela que arredor do 25% do alumnado de primaria de Ames nunca tivo presente a lingua galega en dous dos seus principais contextos de socialización: a relación entre iguais e as actividades extraescolares. “De feito, neste último caso semella ter máis presenza unha lingua estranxeira que a lingua galega”, recolle o estudo. Facer fronte á situación require da implicación dunha “pluralidade de axentes”, desde a administración autonómica ata a local, tendo en conta as actividades extraescolares, o servizo de comedor ou a organización campamentos nos que os nenos e nenas pasan cada vez máis horas.
Os resultados da investigación servirán precisamente de base para que Academia e Concello traballen en diante no deseño dunha serie de propostas de intervención co obxectivo de frear a perda da transmisión xeracional do galego neste concello da área de influencia de Santiago de Compostela; e ofrecen un diagnóstico exhaustivo de interese para o conxunto do país, a partir do municipio coa poboación máis nova de Galicia e cun uso familiar do galego superior ao doutros urbanos e periurbanos. “Dada a diversidade territorial do concello amesán probablemente [os resultados] poden ser extrapolados ao resto do periurbano e incluso a todo o territorio galego”, conclúese na publicación en referencia ao carácter urbano e tamén rural dun municipio que conta ademais cunha importante poboación migrante, de orixe maioritariamente latinoamericana.
Compromiso desde a administración máis próxima
O traballo compartido entre as distintas institucións e a relevancia da acción municipal para frear a perda da transmisión lingüística foi unha idea repetida na presentación da investigación celebrada esta tarde na Casa da Cultura de Bertamiráns. “Desde a RAG achegamos o coñecemento profundo da situación do idioma, baseado en datos e análises rigorosas, un factor esencial para a definición de medidas efectivas ante o desafío colectivo que temos como país de permitirlles ás xeracións vindeiras que gocen da riqueza que significa termos unha lingua propia”, expresou o presidente da Real Academia Galega.
“É imprescindible que desde as administracións públicas defendamos a nosa lingua, e máis no eido educativo”, expresou na mesma liña o alcalde de Ames. ´”É por iso polo que este proxecto ten o respaldo absoluto do Concello, ao ser unha iniciativa clave para fomentar que as nosas nenas e nenos empreguen a nosa lingua galega, que ao fin é o noso maior tesouro”, subliñou Blas García Piñeiro. A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, destacou igualmente o “papel fundamental” dos concellos como “administración máis próxima” tanto para frear a desgaleguización dos nenos e nenas como para motivar o aumento de uso do galego entre as familias e na vida cotiá amesá.
Desde o ámbito escolar, Alonso Barreiro Caxade sinalou que a investigación da RAG lle pon cifras a unha realidade ben “tanxible” para o profesorado mesmo en colexios coma o que dirixe, o de Barouta, onde a porcentaxe de familias galegofalantes é maior cá de castelanfalantes, e onde o profesorado emprega tamén maioritariamente o galego. “Para nós o proceso de desgaleguización que destaca o estudo é evidente. O alumnado que entra na escola falando galego acaba empregándoo entre iguais de maneira residual ou abandonándoo. É preciso un traballo conxunto da sociedade para frear a desgaleguización que se produce desde o momento en que entra na maquinaria da socialización”, coincidiu cos demais intervenientes.