As diferentes asociacións conformadoras da Mesa do Audiovisual Galego dentro do Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), emiten este luns, 11 de novembro, un comunicado como compromiso, dende as súas competencias e as da administración, a realizar un traballo en favor da creación, produción, distribución e exhibición de contidos audiovisuais en lingua galega.
O escrito difundido establece que “o audiovisual é unha ferramenta fundamental para a difusión do idioma entre a sociedade, pola súa capacidade de chegar a públicos amplos e diversos en todo tipo de contextos e a través de multitude de formatos”. Poñen de motivación os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) no último rastrexo do uso da lingua na comunidade, facendo énfase na franxa poboacional infantil e na mocidade ‒con só un 7% de galegofalantes‒.
Sobre a oferta audiovisual actual, o tecido asociativo apunta liñas de actuacións claras. En primeiro lugar, instan á Xunta de Galicia a “prestar atención ao cumprimento” da misión que o Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital encomenda á CRTVG. Igualmente, fan un chamamento á RTVE para “garantir a presenza do galego en todas as súas canles”.
A segunda edición deste acto, que tivo lugar dende o 7 ao 9 de novembro, foi adicado á intersección entre a diversidade lingüística e o medio audiovisual. A participante Mesa do Audiovisual Galego está integrada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), o Cluster Audiovisual Galego (CLAG) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA).