O 96,7 % das persoas maiores de 14 anos en Galicia declarou ter lido, polo menos unha vez ao trimestre, en calquera soporte ou formato ao longo do ano 2024. Así se recolle no Informe sobre hábitos lectores e compra de libros en Galicia, elaborado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e avaliado esta semana polo Consello da Xunta. A análise baséase en 1.200 entrevistas realizadas durante o ano, das cales 1.100 foron a persoas maiores de 14 anos e as 100 restantes a nenos e nenas entre 10 e 13 anos.
Segundo os datos, o 63 % das persoas enquisadas afirma ler libros en galego de maneira habitual ou ocasional, un dato que se incorpora como indicador de interese no contexto das políticas lingüísticas e culturais do Goberno galego.
Lectura por lecer, especialmente entre a mocidade
Dentro do conxunto de materiais lidos, os libros (69,9 %) e a prensa (77,9 %) son os máis consumidos pola cidadanía. En ambos os casos, Galicia sitúase por riba da media estatal, cunha diferenza de 7,6 puntos no caso da prensa e case 2 puntos no caso dos libros.
O informe sinala que a maioría da lectura de libros responde a motivos de ocio: o 66,2 % das lecturas son por lecer, o que representa unha suba de case cinco puntos respecto ao ano anterior, e sitúa a Galicia dous puntos por riba da media estatal.
Este tipo de lectura destaca de maneira especial no tramo de idade de 10 a 13 anos, no que o 90 % asegura ler por pracer, unha cifra que reforza o interese por traballar o hábito lector desde a infancia.
Por perfil sociolóxico, o informe detecta que as mulleres len máis ca os homes e que a franxa de idade que vai dos 45 aos 64 anos concentra a maior proporción de lectura no tempo de ocio: máis do 70 % das persoas deste grupo afirma ler por lecer.
O documento tamén analiza os hábitos de compra. Segundo os datos, un 67,4 % da poboación galega mercou algún libro no último ano —de texto ou non—, cunha media de 10 publicacións por persoa. Esta porcentaxe supón un incremento do 3,8 % respecto a 2023 e sitúa Galicia dous puntos por riba da media do Estado.
No caso específico dos libros non de texto, a porcentaxe sobe case catro puntos con respecto ao ano anterior, cunha media de case 9 libros por persoa, 3,3 puntos por riba da media estatal. Segundo o estudo, a poboación entre os 25 e 44 anos é a que máis libros mercou no último ano.
O 73,1 % das persoas que mercan libros en Galicia fano en librarías tradicionais, que se manteñen como principal canle de adquisición, moi por diante da compra por Internet (33,5 %).