Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Premios Mil Primaveras 2025: catro proxectos que sementan galego dende a infancia ata a vida diaria

O pasado 8 de abril reuniuse o xurado dos Premios Mil Primaveras, convocados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), para escoller os proxectos galardoados na súa sexta edición. Logo de analizar 36 propostas, decidiu premiar as iniciativas ‘Galego para peques’, ‘Vitamina G’, ‘Brazolinda’ e ‘Nodo galego, actívao!’.

Estes premios, sen dotación económica, teñen como obxectivo dar visibilidade a accións que contribúen ao incremento do uso e prestixio da lingua galega, servindo de modelo e inspiración a outros axentes da sociedade. Os proxectos recoñecidos destacan por promover a socialización en galego, achegar recursos e fomentar valores positivos asociados á lingua.

‘Galego para peques’: recursos audiovisuais para educar desde a primeira infancia

Este proxecto, nacido en 2023, propón materiais audiovisuais pensados para crianzas de curta idade, con contidos adaptados ás súas necesidades de aprendizaxe e socialización. O xurado destacou a súa estética coidada e a calidade visual dos vídeos, así como a versatilidade para seren empregados en contextos educativos e familiares. Tamén se valorou a xenerosidade da iniciativa, que comparte abertamente contos, cancións, fichas de pintura e materiais para a iniciación á lectura e á escritura en galego.

‘Vitamina G’: a lingua como motor de cohesión social no CEIP Sagrado Corazón da Coruña

Trátase dun proxecto escolar desenvolvido nun centro con alta porcentaxe de alumnado de orixe migrante, no que o galego se utiliza como instrumento de inclusión. O alumnado participa activamente na creación dos contidos, reforzando a oralidade, a investigación e o uso práctico da lingua. O xurado puxo en valor a creatividade do formato, a mensaxe positiva da lingua como “vitamina”, e o seu impacto fóra do centro educativo, incluíndo tamén as familias. Ademais, destacouse a súa replicabilidade noutros contextos multiculturais.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Neofalantes (@neofalantes)

‘Brazolinda’: xogos de mesa en galego como ferramenta educativa e de lecer

Este proxecto empresarial deseña e fabrica xogos de mesa en galego, ofrecendo materiais didácticos pensados para diferentes idades e que integran a lingua de forma transversal. O xurado valorou a súa calidade e a capacidade de normalizar o uso do galego no lecer familiar e educativo. Os xogos abordan temáticas como as matemáticas, a ciencia, a historia ou a natureza, converténdose en vehículos para aprender e xogar en galego e promovendo a lingua como un elemento positivo e útil.

‘Modo galego, actívao!’: unha intervención integral para activar o uso da lingua en Ames

Este proxecto impulsado pola Real Academia Galega e o Concello de Ames articúlase como un programa de investigación-acción que actúa sobre tres ámbitos: educación, lecer e familia. O xurado destacou a súa planificación rigorosa, a colaboración entre institucións e diferentes axentes sociais, e a súa capacidade para adaptarse e evolucionar segundo os resultados obtidos. Ademais, recoñece a súa proxección exportable a outros municipios e a súa aposta pola reflexión sociolingüística interxeracional.

A CTNL promove estes premios desde o ano 2019, coa colaboración económica da Deputación de Pontevedra. O xurado desta edición estivo composto por Manuel Bermúdez (USC), Narga R. Tilve (produtora audiovisual), Iago Gordillo (comunicación audiovisual), Olga Patiño (docente) e Concepción Cochón (técnica de normalización lingüística).

Os proxectos premiados xa están dispoñibles para a súa consulta en www.milprimaveras.gal. Ademais, a CTNL organizará un acto público de entrega de premios no mes de xuño, co fin de difundir e recoñecer socialmente as iniciativas seleccionadas.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.