Idadismo, idadista, cis, trans, deporte electrónico, aeroxerador ou antropoceno xa forman parte do Dicionario da Real Academia Galega . Este dicionario rematou o ano 2022 con case 35 millóns de consultas e a incorporación de preto de 400 cambios entre novas entradas, novas acepcións en lemas xa rexistrados e modificacións de redacción das definicións. O repertorio dispón dende a semana pasada dunha nova aplicación para dispositivos móbiles, para Android e iOS, que simplificará o acceso ás futuras actualizacións.
“As últimas incorporacións ao Dicionario son froito do traballo de revisión constante desta ferramenta fundamental da lingua galega que realizan os membros do Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega“, suliñan desde a RAG nun comunicado. Parte delas, di, responde ao diálogo que se establece cos usuarios e usuarias, que poden enviar as súas suxestións a través da lapela “Axúdanos a mellorar”.
Entre elas figuran neoloxismos como idadismo e idadista, que se refiren á discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores ou cis e trans, formas abreviadas de cisxénero e transxénero, que xa contaban con cadansúa entrada. Tamén deporte electrónico, que nomea a competición de videoxogos entre dous ou máis usuarios, fundamentalmente cando é practicada por profesionais e conta con moitos espectadores; ou aeroxerador, dispositivo que converte a enerxía cinética producida polo vento en enerxía eléctrica.
A crecente preocupación polo cambio climático está tamén coa entrada da voz antropoceno e das locucións quecemento global e efecto invernadoiro. Outras palabras designan produtos de uso cotián na cociña como alfábega, a forma galega para se referir á planta aromática Ocimum basilicum, ou de crecente popularidade, como a alfarroba, froito cuxo consumo se está a estender como substituto do cacao.
Hai tamén actualizacións que completan familias léxicas e que, malia seguiren as regras de formación de palabras propias do galego por sufixación, son motivo de consultas recorrentes por parte dos usuarios do Dicionario. Son así xa lemas do Dicionario expendedoría, lexibilidade, segredismo, solteiría, procedemental, actitudinal, competitividade, masaxear, titorizar ou versionar.
Zápping ou jacuzzi
Outro grupo de palabras que entran no Dicionario está formado por estranxeirismos como mandala, zápping ou jacuzzi, e tampouco faltan voces de vocabularios especializados pero de uso estendido por distintos motivos como incomparecencia, peticionar ou trabar embargamento ou embargo, no caso do léxico xurídico; ou de escoada, sinónimo de coada, e delta lávico, dous termos máis que se suman a outras incorporacións derivadas da revisión que propiciou a erupción do volcán de La Palma no ano 2021.
Compoñedor, -a
Outra novidades refírense a novas acepcións que se engaden a lemas que figuraban no Dicionario. É o caso de crocante que, ademais do significado xa rexistrado de caramelo ou xeado con cachiños de améndoa, incorpora o de alimento que fai ruído ao mordelo e mastigalo; de compoñedor, -a, que lle suma ao de curandeiro, -a o de persoa que pon de acordo dúas o máis partes que están enfrontadas por algún desacordo; e o de transportador, cunha nova referida ao receptáculo utilizado para o transporte de animais domésticos pequenos.