Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Arquitectura e cerimonias co son da regueifa de fondo: Vilalba acolle a “I Xornada de Patrimonio Inmaterial”

Con motivo da celebración do Día Internacional do Patrimonio, o Consello da Cultura Galega, en colaboración co Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), organiza a “I Xornada de Patrimonio Inmaterial” na que serán abordados o patrimonio oral, ritual e cultural. A cita ten lugar en Vilalba e pon comezo a tarde deste venres, a partir das 18:00 horas.

Comeza o ciclo a profesora de ensino secundario e regueifeira, Almudena Falcón, co relatorio “A improvisación oral en verso: patrimonio inmorredoiro” e coa participación das rapazas do Club de Regueifa do IES Basanta Silva. Xosé Mouriño Cuba, enxeñeiro técnico agrícola, falará sobre “O zahorismo, entre realidade e escepticismo”. A estas séguelles o doutor en ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela e artesán especializado na fabricación de instrumentos musicais tradicionais galegos, Pablo Carpintero, coa temática “O patrimonio inmaterial como proceso”.

O sábado, a partir das 11:00 horas, inicia a xornada a antropóloga e arqueóloga da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Noia, Ana Isabel Filgueiras Rei, co relatorio “Cerimoniais florais galaicos, unha herdanza sagrada”; despois será a quenda do campaneiro Xosé Andrés Barreiro Garrido, ou “Andi”, que disertará sobre “As campás, o son do camiño”. Pechará este segundo día de xornadas o arquitecto e presidente do Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, Carlos Henrique Fernández Coto, coa intervención “A cara oculta da arquitectura”. O evento rematará cunha ofrenda floral no monólito conmemorativo da constitución das Irmandades da Fala en Vilalba.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.