O grupo Tanxugueiras publicaba o pasado 5 de abril a súa alianza coa coñecida marca deportiva Reebok, coa que participan nunha campaña publicitaria. A través dunha foto na que as tres artistas galegas visten prendas da marca, deron a coñecer esta colaboración, que combina “o pasado e presente para facer chegar unha nova realidade, sen prexuízos”, como explican na súa conta de Instagram.
Con esta campaña, o grupo formado por Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro demostra unha vez máis que o galego e a súa cultura non teñen fronteiras. Na fotografía, non só mostran prendas da marca deportiva, senón que a combinan con xoiaría e encaixes que lembran á vestimenta tradicional galega.
“Unha das nosas metas é romper fronteiras. Visibilizar. Amosar outras realidades. Beber da nosa tradición abrindo unha nova senda para reinterpretar e evolucionar, dende o hoxe, a música das nosas avoas.”, facían saber as artistas, ao que engaden a ilusión de participar no proxecto. Foi no festival Zeid Fest de Barakaldo no que as artistas tamén vestiron roupa da marca. As redes tamén recibiron a noticia destacando que o galego e a súa cultura non teñen límites.
📣Para quen di o de “para que serve o galego? “ou o de “lo hago en castellano para la gente de fuera”
Chegan as Tanxugueiras e fan un patrocinio europeo a Reebook, e en galego ❤️
👉Como dicimos sempre, os idiomas non limitan, limitan as mentes curtas! pic.twitter.com/JZEInxU8Pe
— OrgulloGalego (@OrgulloGalegoGz) April 5, 2022
Ao mesmo tempo, o trío tamén anunciaba unha nova data á súa xira Midas, o 30 de xullo no auditorio de Castrelos de Vigo.