A Xunta de Galicia incrementou nun 50 % a partida destinada ás axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares dirixidos aos niveis non universitarios, situando a contía total desta convocatoria en 300.000 euros para este ano. Así o recolle a resolución publicada este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG), nunha medida orientada a reforzar tanto a presenza do galego no ámbito educativo como o tecido da industria editorial galega.
Estas subvencións están destinadas ás empresas do sector editorial e teñen como finalidade impulsar a elaboración e publicación de materiais curriculares en galego para a ensinanza regrada, tanto en formatos impresos como dixitais. O obxectivo é favorecer a dispoñibilidade de contidos educativos nesta lingua e, ao mesmo tempo, apoiar a actividade económica vinculada á edición na Comunidade.
As entidades interesadas deberán tramitar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta e terán de prazo ata o 22 de maio para presentar os seus proxectos.
A convocatoria establece que poderán optar a estas axudas os recursos didácticos curriculares destinados á educación non universitaria, sempre que cumpran os requisitos fixados. Pola contra, quedan excluídos diversos tipos de publicacións, entre elas os libros de creación literaria, dicionarios, enciclopedias, libros de bibliófilo, exemplares de distribución gratuíta, publicacións vinculadas a clubes de lectura ou obras que non constitúan primeira edición, así como proxectos con contidos idénticos aos xa beneficiados en convocatorias anteriores.
No caso dos materiais en soporte impreso, esíxese unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares, mentres que para os formatos dixitais ou audiovisuais o mínimo será de 500 unidades. As publicacións exclusivamente electrónicas quedan exentas deste requisito, aínda que se se distribúen en soporte físico deberán contar cun mínimo de 50 exemplares.
A selección dos proxectos correrá a cargo dunha comisión avaliadora que terá en conta criterios como a orixinalidade, a calidade técnica e pedagóxica e tamén a calidade lingüística das propostas presentadas.
Ademais, a convocatoria incorpora un incentivo adicional para determinados ámbitos formativos: os materiais orientados á formación profesional específica ou ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo recibirán un incremento do 20 % na súa puntuación final, co propósito de favorecer a diversidade de recursos e ampliar a cobertura educativa en galego en sectores considerados prioritarios.