Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

SOS… O galego na rede vive unha situación preocupante

Só o 0,004% dos contidos da rede están en galego. Este é un dos datos que reflicten a preocupante situación da presenza do idioma en internet. W3Techs actualiza diariamente unha estimación sobre datos na rede, outorgando ao galego o número 59 en canto a presenza de contidos en Internet.

Con todo, a situación do idioma na rede tivo época mellores, acadando no 2017 o posto 49, e no 2021 o número máis baixo, con só 0,0025% do total da Rede. Con respecto ao resto de linguas do Estado, o catalán e o euskera atópanse nunha situación máis favorable, ocupando os postos 36 e 54 en sitios web con contidos nestes idiomas, respectivamente. No caso do castelán, este sitúase como o terceiro idioma máis común da rede.

Estes datos aseméllanse aos acadados por outras linguas como o tamil (sueste da India e parte setentrional de Sri Lank) e o nynorsk (coñecido como o novo noruegués). Respectivamente, estes idiomas ocupan os postos 58 e 60 de presenza de contidos na web.

INICIATIVAS POUCO EXITOSAS E DEFICIENCIAS TECNOLÓXICAS

O dominio .gal só suma un total de 6.460 rexistros. A iniciativa PuntoGal naceu para dar visibilidade ao idioma e cultura galegas. Porén, entre os novos dominios creados para linguas e culturas europeas, o galego foi o que menos medrou. Comparando a situación do .gal co .eus (para a lingua e cultura éscaras), este último rexistra case o dobre de dominios rexistrados, cun total de 12.669.

Por outra banda, a Galipedia, a Wikipedia en galego, que tamén experimentou unha caída en canto á presenza do galego. Dun total de 296 linguas no 2017, o galego ocupaba o posto 47 na clasificación de wikipedias por idiomas, un posto que descendeu ao 52 de 326. Comparando coa presenza de catalán e euskera, estas linguas cuadriplican e dobran o idioma de Galicia.

En canto as tecnoloxías, estas teñen un papel fundamental para acadar unha igualdade lingüística dixital. “Existe o perigo de que linguas con escasos recursos como o galego queden atrás no futuro”, advirten os expertos José Manuel Ramírez Sánchez e Carmen García Mateo, que veñen de publicar o informe para a lingua galega do proxecto European Language Equality (ELE). A falta de recursos, produtos e tecnoloxías para a lingua galega é un dos principais problemas detectados. Os autores do informe destacan a crítica situación de “recursos e servizos relacionados con datos de tipo multimedia ou do ámbito da saúde, pois os existentes son pobres en diversidade e pequenos en tamaño.

Ramírez Sánchez e García Mateo salientan a labor da comunidade científica e tecnolóxica nas áreas relacionadas coa lingua e as tecnoloxías, pero tamén lamentan a “falta de interese polas linguas cooficiais, en xeral, dentro dalgunhas estratexias estatais relacionadas coas tecnoloxías da lingua”.

Ante os datos da presenza do galego na rede, os autores consideran “vital facer un esforzo substancial e crear recursos lingüísticos para o galego, especialmente de tipo multimedia, como paso imprescindible para acadar a igualdade multilingüe dixital no espazo europeo”. Máis información en Galicia Confidencial.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.