Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Un colexio do Courel recupera case 400 palabras tradicionais e logra un premio de excelencia da Xunta

O proxecto ‘Palabra no tempo’, impulsado polo CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel, foi recoñecido pola Xunta de Galicia co Primeiro Premio de Innovación Educativa en dinamización lingüística dentro da convocatoria de proxectos para centros públicos correspondente ao curso 2025/2026. A iniciativa figura entre os cinco traballos distinguidos con mención de excelencia en toda Galicia pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

O recoñecemento inclúe unha dotación económica de 2.000 euros para o centro, así como a certificación oficial para o profesorado participante e a difusión do proxecto a través das plataformas dixitais da Secretaría Xeral da Lingua e do Portal da Lingua.

A proposta educativa desenvolvida no Courel céntrase na recuperación do patrimonio lingüístico da comarca mediante un traballo de investigación levado a cabo polo propio alumnado. Ao longo do curso, as alumnas e alumnos recompilaron entre 350 e 370 palabras e expresións tradicionais da zona, moitas delas vinculadas á fala popular e ao coñecemento transmitido oralmente entre xeracións.

Desde o centro educativo explican que parte deste vocabulario atópase “en risco de desapareceren debido ao despoboamento da zona, á falta de transmisión xeracional ou á tendencia cara o uso do galego estándar”, aínda que outras voces seguen presentes na comunicación cotiá da veciñanza.

O proxecto implicou tamén a participación activa das familias e da comunidade local. A través de enquisas en formato físico e dixital, o alumnado recolleu palabras e expresións propias do territorio co obxectivo de “aprender e manter vivas estas palabras”, ademais de contribuír á súa difusión entre a comunidade educativa “dunha maneira lúdica, participativa e próxima”.

Como resultado deste traballo, o centro elaborou diferentes materiais divulgativos e educativos baseados no léxico recompilado. Entre eles figuran dous xogos de mesa —un dominó e un memory— elaborados a partir das palabras tradicionais do Courel, así como un dicionario dixital de léxico patrimonial xa dispoñible na páxina web do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC.

A iniciativa prevé tamén a publicación dun dicionario en formato físico, que contará coa colaboración da Deputación de Lugo. Ademais, parte do traballo realizado foi presentado recentemente polo propio alumnado nunha entrevista emitida en Radio Nacional.

‘Palabra no tempo’ forma parte do programa ‘Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional’, coordinado polo Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e integrado no Plan Proxecta+.

Xunto ao CPI Poeta Uxío Novoneyra, tamén recibiron a cualificación de excelencia outros centros educativos galegos, entre eles os institutos Valle-Inclán de Pontevedra, Illa de Ons de Bueu, Xulián Magariños de Negreira e un proxecto conxunto dos institutos de Ames e O Milladoiro.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.