Achégase o 17 de maio, día das Letras Galegas, e a RAG estrea o videopódcast Colchas de voces. No primeiro episodio, conducido pola xornalista Alba Mancebo, convidaron ao dúo vigués Fillas de Cassandra. Xuntas reflexionaron sobre a obra de Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras deste ano, e o que as une a ela e ao seu legado.
María SOA e Sara Faro conforman Fillas de Cassandra e comezaron a súa carreira musical en 2022. Igual que Begoña Caamaño, inspíranse nos mitos clásicos para crear a súa obra e dotala dunha perspectiva feminista. As artistas preocúpanse por visibilizar a situación das mulleres máis vulnerables, advertindo que “que as mulleres non sexamos cridas nas violencias que sufrimos favorece que o sistema patriarcal siga imperando. E sobre iso quixemos reflexionar en Acrópole, como faría Begoña Caamaño, porque esa cultura segue moi vixente, cada vez máis”.
Unidas polo idioma
María SOA entrou en contacto coa obra de Begoña Caamaño grazas a Circe ou o pracer do azul, e sentiuse emocionada de atopar unha autora que vise o mundo a través dos mitos coma ela. Ademais, o que une ao dúo musical e á escritora é a escolla consciente de falar galego. María SOA revelou: “As dúas somos neofalantes. Coñecémonos nunha manifestación feminista e estabamos falando galego, así que non houbo reflexión contraria posible. E enténdese, quen quere entende!”
Colchas de voces fai referencia a unha expresión empregada por Begoña Caamaño para referirse á súa obra. Comparada cunha colcha feita con retallos, a súa escrita toma prestados personaxes doutros relatos para contar a súa propia historia. O seguinte episodio estrearase en xuño e terá de invitada á escritora Antía Yáñez.