Unha moza de Estados Unidos, que actualmente reside nunha vila de Galicia, compartiu nun vídeo en TikTok como está a descubrir o galego e a súa cultura. A través da conta @jckchs, a rapaza falou sobre a súa convivencia co idioma galego e as interaccións cotiás que lle permiten familiarizarse coa lingua.
@jckchs♬ original sound – JC
“Unha lingua histórica con presenza viva”
No seu vídeo, a tiktoker explicou que vive en Galicia, “unha rexión no noroeste de España que conta cunha lingua propia”, o galego, que foi revitalizada tras anos de opresión e supresión. “Moitas persoas prefiren falar galego, especialmente nas vilas pequenas, onde o seu uso é aínda máis común”, comentou.
A pesar de non dominar o galego, a rapaza relatou como os seus coñecementos de castelán lle permiten identificar patróns na lingua galega, que describe como “similar ao español, co que se poden recoñecer moitas palabras”. A interacción co idioma faise máis habitual grazas ao seu día a día na vila onde traballa.
No relato, destacou un momento no que un home maior se achegou a ela mentres tomaba un café nun banco e lle falou en galego. “Fun quen de entender a maior parte do que dicía e respondinlle en castelán. Tivemos unha conversa durante un bo anaco”, explicou. A rapaza cualificou esta experiencia como un logro persoal, a pesar de recoñecer as súas limitacións tanto no castelán como no galego.
A publicación en TikTok foi ben recibida pola comunidade, que valorou o interese da rapaza por achegarse ao galego e á súa cultura. Algúns mesmo aseguran nos comentarios que se senten sorprendidos de que moitos galegos e españois rexeiten a lingua, mentres que moitos estranxeiros se interesen por ela.