Un taboleiro que segue o curso do río Miño, preguntas sobre patrimonio, historia ou diversidade, códigos QR, gravacións de audio, deseño dixital, materiais reciclados e mesmo recreacións mediante Intelixencia Artificial de figuras como Rosalía de Castro ou Castelao. Todo forma parte de ‘Miño en xogo’, unha experiencia educativa desenvolvida no IES Maximino Romero de Lema, en Baio, no concello de Zas, que conseguiu situarse entre os Recursos Educativos Abertos do Ministerio de Educación.
O proxecto foi creado polo profesorado Fina Paulos e Óscar Rey, xunto co alumnado de 3º e 4º da ESO deste centro público e rural da Terra de Soneira. A iniciativa acadou o primeiro premio na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria dos I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan a Competencia Dixital do Alumnadoe tamén recibiu en Galicia o principal recoñecemento dos Premios Argallando.