A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) expresou o seu malestar pola ausencia dos técnicos de normalización lingüística no proceso de renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). A entidade sinala que, a pesar de ser un colectivo clave na implementación de políticas de promoción do galego, non foi contactada nin convidada a participar na reunión convocada pola Xunta de Galicia o pasado 12 de febreiro, na que se xuntaron máis de 100 profesionais de distintos ámbitos.
A CTNL lembra que este proceso comezou oficialmente o 26 de decembro, cando se anunciou a designación dos responsables das comisións sectoriais. Desde aquela, e ata a reunión do 12 de febreiro, non recibiron ningunha comunicación nin foron chamados a aportar a súa experiencia profesional no ámbito da normalización lingüística.
A CTNL representa desde 1996 aos técnicos e técnicas de normalización lingüística, profesionais que traballan no día a día da promoción do galego en diferentes ámbitos. A entidade lembra que o persoal deste sector é o encargado de executar as políticas lingüísticas e de darlles aplicación práctica nos distintos espazos sociais.
Por este motivo, considera sorprendente a súa ausencia no proceso de actualización do PXNLG, especialmente porque xa se pronunciara a favor dunha reforma deste plan en setembro de 2023, coincidindo co seu vixésimo aniversario. Naquel momento, a coordinadora expresou publicamente a súa vontade de participar no debate para axustar o plan ás novas necesidades sociolingüísticas.
Críticas ás políticas do Goberno galego
Ademais da súa exclusión no proceso de renovación do PXNLG, a CTNL denuncia que o contexto actual está marcado por unha serie de medidas “antinormalizadoras” que non favorecen a promoción do galego. Segundo sostén a coordinadora, o Goberno galego mantén un discurso que vincula a normalización lingüística coa imposición e que minimiza a situación crítica que atravesa a lingua.
A entidade insiste en que seguirá atenta á evolución dos traballos e reitera o seu compromiso coa defensa do galego, anunciando que continuará a súa actividade baixo o lema #traballandoenlingua.