A sesión “Ríos subterráneos: puxa nos prexuízos” foi a última dunha Aula Aberta realizada este curso na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense da UVigo. Baixo o lema “á espreita dos ríos subterráneos”, a Aula Aberta fomentou o espírito crítico e o uso do galego, creando un espazo de reflexión e participación.
A programación da Aula Aberta remataba o pasado 28 de abril cunha sesión na que teatro e literatura foron protagonistas para combater contra os prexuízos do galego. Nesta última cita, a aula aberta contou coa participación de Talía Teatro, a docente e autora Raquel Castro e o autor Miguel Rodríguez Carnota.
A obra teatral A parábola do angazo de Talía Teatro, que abriu a sesión, tratou dende unha perspectiva cómica “comportamentos lingüísticos que seguro que moitos de nós facemos”, como explicou a actriz Ana Iglesias. A representación deu paso, posteriormente, ás intervencións dos escritores Raquel Castro e Miguel Rodríguez Carnota, autores de obras con temática semellante á interpretada en A parábola do angazo e que “invita á análise crítica do que está a ocorrer coa lingua”.
Con Á espreita dos ríos subterráneos, a Universidade de Vigo creou unha aula aberta “na que a espreita leve á reflexión crítica e á análise sosegada, dende diferentes perspectivas”. A primeira sesión, que tivo lugar o pasado 23 de marzo, tivo como obxectivo reivindicar “que a lingua galega é tamén lingua dende a que se pode facer ciencia e divulgar coñecemento científico e demais incluso desde a voz das mulleres”, como indicaron dende a organización da Aula Aberta.