O Concello de Soutomaior presentou a campaña ‘Goza do teu punto G, o galego dáche un punto’, que pretende reforzar o uso do galego a través de actividades transversais en diferentes ámbitos como a cultura, o deporte, a administración e as tecnoloxías da información. Esta iniciativa xorde como resposta aos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que revelan un descenso no uso habitual do galego en Galicia.
O alcalde de Soutomaior e concelleiro de Normalización Lingüística, Manu Lorenzo, subliñou que esta proposta busca “poñer en valor o potencial da nosa lingua e animar á veciñanza a gozar do galego no día a día”. A campaña inclúe accións no ámbito cultural, coa promoción de espectáculos de Talía Teatro, Excéntricas ou o Centro Dramático Galego, e actuacións musicais e humorísticas con artistas como Carlos Blanco e Mini Rivas.
A campaña tamén apunta ao deporte, mediante convenios con clubs locais para fomentar o galego nas actividades deportivas e na promoción económica, colaborando co tecido empresarial para impulsar o idioma en accións de comercio e servizos.
No eido dixital, Soutomaior reforzará os contidos en galego nas redes sociais e nas plataformas do Concello, fomentando a creación de recursos dixitais na lingua propia. Ademais, colaborará cos centros educativos para incentivar a transmisión da lingua e organizará actividades de lecer e formación para a mocidade.
Esta iniciativa reafirma a longa tradición de Soutomaior na defensa do galego, sendo un dos primeiros municipios en contar cunha ordenanza de normalización lingüística. “Queremos que o galego sexa parte esencial do noso futuro colectivo”, destacou Lorenzo.