María Pereira Otero naceu en Vigo nunha familia na que o galego estaba presente, pero non era a lingua habitual de comunicación. Hoxe traballa no ámbito da xestión cultural e mantén unha relación estreita co idioma tanto na súa vida profesional como persoal. Porén, o seu camiño como neofalante comezou en Santiago de Compostela, cando chegou á cidade para estudar Xeografía e Historia e decidiu incorporar o galego á súa vida diaria.
A súa relación coa lingua viña de moito antes. Na casa existía, segundo conta, un interese pola cultura galega que se manifestaba especialmente a través da música. Amancio Prada, Fuxan os Ventos e Milladoiro formaron parte dos seus primeiros contactos co idioma, xunto coa revista Encrucillada, unha publicación galega de pensamento cristián da que actualmente forma parte do consello de redacción.
Tamén os seus avós contribuíron a ese achegamento. Os maternos, procedentes de Vigo, falaban un galego con gheada, mentres que os paternos, de Ourense, empregaban formas como “irmao” ou “mao”. María lembra especialmente o seu avó Xaime, que a chamaba cariñosamente “Maruxiña”. Con todo, a presenza do galego no ámbito familiar non se traducía no seu uso entre as xeracións máis novas, que se comunicaban principalmente en castelán.
María destaca o papel que desempeñou o ensino na súa aproximación á lingua. Pertence a unha das primeiras xeracións que puideron estudar galego na escola e conserva un recordo especial do profesorado que contribuíu á súa aprendizaxe. Na súa opinión, aquela formación resultou importante nunha cidade como Vigo, onde o idioma estaba presente nos barrios, nos bares e entre as persoas maiores, pero non gozaba dunha utilización plenamente normalizada.
O cambio definitivo chegou coa súa etapa universitaria en Compostela. María lembra que, ao instalarse nunha residencia das Doroteas, colocou un mapa de Galicia na súa habitación. Cada vez que coñecía unha compañeira nova preguntáballe de onde era e buscaba a súa localidade no mapa. Así foi descubrindo lugares como Foz, A Guarda, Arzúa ou Melide, nun proceso que describe como unha descuberta do propio territorio. Foi tamén nese contexto cando decidiu comezar a falar galego de maneira continuada. A transición, admite, non foi sinxela. “O paso foi un pouco brusco, porque pasei de repente de non falar galego dun xeito continuo a falalo e metía moito a zoca”, recorda.
A universidade facilitou esa decisión. Nos seus estudos de Xeografía e Historia, o galego estaba presente tanto nas aulas como nos exames, o que lle permitiu practicar a lingua nun ambiente académico no que o seu uso era habitual. Ese contacto constante axudouna a adquirir confianza e a consolidar progresivamente o seu cambio lingüístico.
A súa traxectoria profesional, vinculada á xestión cultural e a entidades como a Editorial Galaxia, contribuíu a reforzar esa relación co galego. O contacto coa nosa cultura permitiulle ampliar o vocabulario e mellorar a expresión oral e escrita, aínda que admite que segue cometendo erros. “Cometo moitas grallas na escrita e na fala, pero non me importa”, afirma. Con todo, asegura que lle gustaría seguir perfeccionando o seu galego e considera que a lectura é unha das mellores ferramentas para conseguilo.
Tamén atribúe un papel importante aos medios de comunicación e á creación cultural na normalización lingüística. Lembra a chegada da televisión pública galega en 1985 e a influencia posterior do Xabarín Club, que contribuíu a introducir o idioma no lecer de varias xeracións. No ámbito musical, destaca a presenza actual de artistas e grupos que empregan o galego e que atopan nas redes sociais novas vías para chegar ao público.
Precisamente, a incorporación do galego ás novas tecnoloxías é un dos retos que considera fundamentais para o futuro da lingua. Ela asegura que os avances tecnolóxicos e o desenvolvemento da intelixencia artificial poden favorecer a súa utilización en novos espazos e procura asimesmo introducir o idioma na súa relación diaria coa tecnoloxía, como por exemplo co teléfono móbil configurado en galego. Son, explica, pequenos xestos que contribúen a ampliar os ámbitos nos que se emprega.
Para as persoas que aínda non se decidiron a dar o paso, María propón comezar sen grandes esixencias. Recomenda introducir o galego en situacións habituais, como entrar nun establecemento e saudar ou pedir atención nesta lingua, sen agardar a dominala completamente. A lectura é outra das súas recomendacións, especialmente nun ano dedicado á escritora Begoña Caamaño, da que destaca a importancia de ler as súas obras Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle.