Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O Courel aposta polos xogos, a tradición oral e a tecnoloxía para manter vivo o galego

O Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel puxo en marcha un programa de dinamización lingüística que combina xogos, tradición oral, participación escolar e novas tecnoloxías para promover o uso do galego e conservar o patrimonio lingüístico do territorio. A iniciativa, desenvolvida entre agosto e mediados de outubro, abrangue os concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel e contou cun financiamento de 4.352,96 euros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Un dos principais resultados do proxecto é a publicación de ‘Xeopasatempos’, unha revista de xogos en galego creada coa participación do alumnado de tres centros educativos. A publicación, da que se editaron 500 exemplares, reúne encrucillados, palabras cruzadas, sopas de letras e xeroglíficos relacionados coa fauna, a flora, a xeografía, a toponimia e o patrimonio cultural das Montañas do Courel.

A iniciativa foi coordinada pola escritora e profesora Celia Díaz Núñez, filla adoptiva de Quiroga desde 2018, que durante setembro impartiu obradoiros no CPI Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel, no CEIP de Quiroga e no CEIP de San Clodio, en Ribas de Sil. Co apoio do profesorado, os escolares aprenderon a deseñar os seus propios pasatempos a partir de palabras vinculadas á contorna e de referencias literarias a autores relacionados co territorio, como Uxío Novoneyra e Ánxel Fole.

“Puxémoslles aos rapaces unha serie de modelos para que elaborasen xogos partindo de palabras relacionadas co xeoparque, por exemplo, coa flora, a fauna ou a toponimia”, explicou Díaz. A escritora sinalou que o propósito é “animar a xogar coa lingua galega e axudar á xente a achegarse a ela mediante ferramentas lúdicas”.

A revista segue o formato das publicacións tradicionais de pasatempos, incluíndo as solucións dos exercicios nas últimas páxinas, pero incorpora unha dimensión educativa e territorial. Ademais de resolver os xogos, o alumnado participou na súa elaboración, converténdose así en creador de materiais destinados a outros lectores.

Dos 500 exemplares impresos, 100 distribuiranse entre os centros educativos dos tres municipios, incluído o IES de Quiroga. Os restantes foron entregados ao presidente do Xeoparque, Roberto Castro, para a súa distribución gratuíta nos museos e centros de interpretación, onde estarán dispoñibles tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.

A publicación dá continuidade ao traballo que Celia Díaz xa desenvolvera arredor do patrimonio lingüístico e cultural da comarca. O pasado maio presentouse ‘Lobos te coman!’, unha revista editada pola Deputación de Lugo con pasatempos creados pola escritora e centrados na paisaxe, a xeoloxía e a cultura do municipio de Quiroga.

A principal diferenza é que ‘Xeopasatempos’ amplía o seu ámbito aos tres concellos do Xeoparque e incorpora exercicios máis sinxelos, pensados para facilitar a participación de públicos de diferentes idades.

Esta aposta polo xogo como ferramenta de transmisión lingüística tamén se reflicte noutras iniciativas educativas da zona. O colexio de Seoane do Courel editou recentemente un xogo de memoria con cartas e un dominó baseados no vocabulario tradicional da serra, dentro dun proxecto promovido pola Consellería de Cultura e o Instituto da Lingua Galega.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.