A Universidade de Santiago de Compostela celebrou este venres un acto no que se recoñeceu a calidade lingüística en galego de traballos académicos, de fin de grao (TFG) e de fin de mestrado (TFM) presentados durante o curso 2023-2024. O evento, presidido polo reitor Antonio López, tivo lugar no Paraninfo da universidade e contou coa participación de representantes institucionais e do estudantado premiado.
A través desta iniciativa, que cumpre vinte edicións, a USC busca impulsar o uso da lingua galega no ámbito universitario e fomentar unha cultura de excelencia lingüística entre o estudantado. En total, nesta edición entregáronse 19 premios —catro deles ex aequo— e 12 mencións honoríficas, entre case 200 traballos presentados, segundo indicou Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística.
No seu discurso, o reitor lembrou que “o galego é a lingua propia da USC”, pero recoñeceu que aínda queda camiño por percorrer: “Temos que facer autocrítica e seguir traballando para mellorar os índices de uso do galego, sobre todo na docencia e na investigación”. Antonio López salientou o novo plan de actuación lingüística, aprobado pola maioría do Claustro, como unha das ferramentas para avanzar neste ámbito.
Nesa mesma liña, Valentín García, secretario xeral da Lingua, felicitou ao alumnado premiado por “engadir ao currículo científico o uso do noso idioma”. “Sodes agora vós quen máis preparados estades, quen maior competencia en galego tedes, para transmitir a mensaxe de que saber manexar varias linguas é algo enriquecedor”, asegurou.
Pola súa banda, María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, puxo en valor a existencia dunha “cultura de calidade en galego” e destacou que “o noso estudantado non só ten o nivel de coñecemento requirido na súa titulación, senón que tamén sabe comunicalo con rigor e competencia na lingua propia”.
No nome das persoas premiadas interveu Lucía Campos González, gañadora dun dos galardóns na modalidade de TFG, quen subliñou que “este recoñecemento non é só noso, senón tamén de todas aquelas persoas que antes que nós loitaron para que eu puidese desenvolver toda a miña vida, tamén estudar, en galego”.
A cerimonia contou coa presenza de familiares e amizades do alumnado recoñecido, e foi amenizada por un cuarteto de música formado por estudantes da USC, integrado pola soprano Alicia Gómez, os violíns Carla Veiga e Alejandro González e a viola Iria Fernández.
Premios por categorías
-
Traballos académicos de curso: 5 premios e 3 mencións
-
Traballos de fin de grao (TFG): 7 premios (2 ex aequo) e 6 mencións
-
Traballos de fin de mestrado (TFM): 7 premios (2 ex aequo) e 3 mencións
Con esta entrega, a USC reafirma o seu compromiso coa normalización lingüística e a promoción do galego como lingua de coñecemento, creación e investigación.