Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Queres coñecer vocabulario galego específico no ámbito xurídico?

‘Termos esenciais de dereito procesual’ é un glosario bilingüe (galego-español) que recolle máis de 1.000 conceptos relacionados con esta área específica. O volume foi presentado este martes 9 de maio nun acto que se desenvolveu na Facultade de Dereito e alberga a vontade de ofrecer unha visión panorámica e o máis completa posible da estrutura conceptual desta disciplina.

“Porén, somos conscientes de que toda escolma implica prescindir dalgúns elementos. De aí que o noso criterio reitor á hora de acometer esta tarefa pasara por seleccionar os termos que, ao noso xuízo, resultaban fundamentais para poder comunicar o dereito procesual na nosa lingua”, engaden. Así as cousas, este vocabulario nace coa vocación de converterse nun texto vivo, de consulta para o profesorado e para o estudantado, mais tamén para os operadores xurídicos e para todas aquelas persoas que, nalgún momento, precisen botar man del.

Con este volume, a colección de Termos esenciais relacionada co dereito acada o seu número 8, continuando a senda iniciada por outras disciplinas xurídicas. “No presente vocabulario recollemos conceptos que proceden de catro grandes bloques temáticos (organización xudicial, proceso penal, proceso civil e métodos alternativos de resolución de conflitos) completados cunha serie de termos transversais a toda esta área de coñecemento”, explican as persoas autoras do glosario.

“Confiamos en que sirva para potenciar e difundir o noso idioma na docencia, na investigación, na práctica forense e, en definitiva, no conxunto da sociedade, reivindicando o seu valor como lingua de ciencia e de coñecemento”, matizan. A obra está promovida pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito. O acto de presentación contou coa presenza da decana do centro, Ana María Gude Fernández; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e dunha das autoras da obra, Ana Rodríguez Álvarez, quen asina o glosario xunto a Cristina Alonso Salgado e Xusto A. Rodríguez Río. No acto tamén estivo presente o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.