Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Queres coñecer a toponimia do Camiño?

A Real Academia Galega, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Galega de Onomástica, organizará un congreso internacional sobre a toponimia nos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.

Do 21 ao 23 de setembro, a Facultade de Filoloxía da USC reunirá expertos de institucións académicas galegas, españolas e europeas que versarán sobre as novas investigacións arredor dos nomes de lugar no conxunto europeo.

“Queremos que o europeísmo e tamén a multidisciplinaridade percorran estas xornadas: a aplicación das novas tecnoloxías, a historia, a cartografía, o turismo ou a rehabilitación do patrimonio serán outros dos distintos eixes deste congreso”, explicou a académica Ana Boullón sobre o congreso. Este terá como elemento vertebrador as rutas xacobeas, tendo como obxectivo a sistematización das súas toponimias.

Durante tres días, Santiago de Compostela será o punto de encontro para afondar na toponimia. O profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza , o experto da Universidade de Vigo Xosé Manuel Sánchez Rei, e a profesora de Lingüística románica da Universidade de Gotinga (Alemaña), Paula Bouzas darán comezo a estas xornadas centrándose no Camiño de Santiago en Galicia.

O Camiño de Santiago na Península Ibérica será o protagonista da segunda xornada, na que participarán poñentes das Universidades de València, Zaragoza, Lisboa e Euskalzaindia, para tratar a onomástica no Camiño na área catalano-valenciana, Aragón, Portugal e Euskadi. Pola súa banda, a toponimia no ámbito europeo, así como a cartografía e a historia medieval serán os principais temas do día 23 de setembro. O programa completo das xornadas está dispoñible na web do evento.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.