Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Que hai de certo no boom da música en galego en tempos de retroceso lingüístico

Ata hai pouco, a música en galego estaba asociada principalmente a bailes tradicionais e cancións populares. Con todo, nos últimos anos produciuse unha notable transformación: unha nova xeración de artistas incorporou o galego a estilos moi diversos e situouno nun espazo de visibilidade masiva. Paradoxalmente, este auxe cultural prodúcese nun contexto no que o uso habitual da lingua segue a diminuír.

Segundo os últimos datos do IGE, só o 24,37 % da poboación galega utiliza o galego de maneira habitual, mentres o castelán se consolida como lingua maioritaria no uso diario. O descenso é especialmente acusado nas xeracións máis novas, o que apunta a un proceso de substitución lingüística progresiva nas prácticas cotiás. Con todo, este diagnóstico contrasta co dinamismo actual da escena musical galega, que se está a converter nun dos principais espazos de normalización lingüística.

Da foliada ao trap

O xurdimento de proxectos musicais que empregan o galego como lingua principal non é un fenómeno illado. Trátase do resultado dunha transformación máis ampla da cultura xuvenil, que rompe coa idea de que o galego está ligado exclusivamente á tradición ou ao ámbito académico.

Na música en galego actual poden diferenciarse dúas vertentes principais: o “neotradicional” e as producións que cantan sobre a cotidianeidade en galego. O neotradicional é a fusión da música tradicional galega con xéneros máis comerciais. Por exemplo Baiuca, que mezcla tradición e electrónica, as Tanxugueiras, que causaron furor no Benidorm Fest 2022, Fillas de Cassandra ou Mondra.

Na outra vertente, a música urbana galega abarca diversos xéneros e temáticas. Nos 90s e 2000s destacaban grupos de rock e hip hop que transmitían fortes mensaxes políticas e a exaltación da cultura galega. Nos últimos anos exploráronse novos xéneros como o trap, o tecno e o indie, e recorreuse a  outras temáticas. Moitos artistas falan sobre amor, a vida diaria e outras emocións que parecen conectar cun público máis xeral. Proxectos como The Rapants, Grande Amore ou 9Louro exemplifican esta normalización do galego como lingua de expresión xuvenil contemporánea.

Os concertos como espazo de normalización lingüística

Un estudo da Universidade da Coruña (UDC), realizado pola investigadora Noelia Mato Varela, sinala que a música en galego actúa como un espazo de socialización lingüística non formal. Facilita a creación de vínculos afectivos coa lingua e contribúe á súa revalorización entre a mocidade.

O estudo destaca, ademais, que a exposición ao galego a través da música permite normalizar a súa presenza en contextos de lecer e consumo cultural. Porén, tamén advirte que iso non implica necesariamente un incremento do seu uso social xeneralizado. Isto deixa en evidencia o paradoxo da situación sociolingüística actual: mentres a produción cultural en galego vive un momento de expansión e visibilidade, o seu uso social continúa a diminuír. Onde máis se resinte é no ámbito familiar e social, especialmente nas áreas urbanas e entre a poboación moza.

Un novo son para o galego

A cultura pode funcionar como un espazo de resistencia simbólica e de construción de prestixio, pero, como apunta a investigadora Noelia Mato, non necesariamente como un motor directo de recuperación lingüística. A música crea comunidade, emoción e identidade, mais non substitúe os procesos sociais, educativos e familiares que determinan a transmisión dunha lingua.

A música non pode, por si soa, reverter as dinámicas demográficas e sociolingüísticas actuais. Con todo, si está a desempeñar un papel fundamental na construción dunha nova imaxe do galego: unha lingua viva, moderna e presente nos códigos culturais da mocidade. Quizais o futuro do galego non dependa unicamente de cantos o falan no día a día, senón tamén de cantos o escoitan, o senten e o integran nas súas playlists.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.