Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Participa para que o galego teña “Mil Primareveras” máis

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) vén de convocar os III Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística. O prazo para inscribir os proxectos estará aberto dende hoxe ata o 31 de xaneiro de 2022. E aínda que os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica, con eles procúrase o recoñecemento e a difusión das accións, programas ou proxectos gañadores escollidos polo xurado.
Así, estes galardóns recoñecerán accións, programas, campañas ou proxectos que teñan como obxectivo a promoción do uso e do prestixio da lingua galega. Nesta terceira edición poderán ser candidatos os proxectos que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2019, 2020 ou 2021.
Á convocatoria poderán presentarse propostas de diferentes colectivos e ámbitos sociais, pois contan con seis categorías: premio ao mellor proxecto estabilizado, ao mellor proxecto novo, á mellor comunidación e impacto, ao proxecto máis innovador, ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade e ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial. Con todo, a inscrición de cada proposta faise de maneira xeral aos premios, polo que non cómpre escoller ningunha categoría concreta.
Os Premios Mil Primaveras naceron en 2019 para recoñecer accións, campañas, proxectos e programas que teñan como finalidade promover o uso e o prestixio da lingua. Entre os obxectivos da convocatoria figuran a difusión do labor “ilusionante e necesario” de promoción da lingua ou a valoración do traballo que se fai no campo da normalización liongüística.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.