A Xunta de Galicia vén de fixar o calendario da primeira convocatoria de 2026 para a obtención dos certificados de lingua galega Celga, cuxas probas se desenvolverán entre o 23 de maio e o 6 de xuño en Santiago de Compostela, Ponferrada e Madrid, segundo recolle a resolución publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A principal novidade desta edición é o retorno de Madrid como sede examinadora, unha posibilidade que non se ofrecía desde hai máis dunha década. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recupera a capital do Estado como punto para a realización destas probas, xunto coas localizacións habituais en Galicia e no Bierzo.
Esta primeira convocatoria céntrase nos niveis Celga 2, Celga 3 e Celga 4, que adoitan concentrar a maior demanda, aínda que tamén se inclúe o Celga 1, reservado unicamente para Santiago de Compostela.
No caso do Celga 4, correspondente a un nivel avanzado de competencia en lingua galega, os exames celebraranse os días 23 e 24 de maio de maneira simultánea nas tres sedes: Santiago, Ponferrada e Madrid.
As probas do Celga 3 terán lugar o 30 de maio, mentres que o Celga 2 se realizará o 31 de maio, tamén nas tres cidades. Pola súa banda, o exame de Celga 1 queda fixado para o 6 de xuño e desenvolverase exclusivamente en Santiago.
Todos os exames comezarán ás 09.00 horas. En Santiago de Compostela, as probas dos niveis 2, 3 e 4 celebraranse no IES Antón Fraguas, mentres que o Celga 1 terá como escenario a Escola Galega de Administración Pública (EGAP). En Ponferrada, a sede será a Escola Oficial de Idiomas, e en Madrid as persoas aspirantes examinaranse na Casa de Galicia.
As listaxes definitivas de persoas admitidas poden consultarse no Portal da Lingua Galega, onde tamén se ofrece información detallada sobre a organización das probas.