Durante as próximas tres semanas, o galego será a lingua protagonista nos patios do CEIP O Couto de Ourense. O centro escolar participa no proxecto ‘Falemos+’, unha iniciativa que dá continuidade ao programa ’21 días co galego’ promovido pola Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar o uso oral da lingua entre a xente nova tanto dentro como fóra das aulas.
A docente Patricia López Rodríguez, coordinadora de Dinamización da Lingua Galega do colexio, é a impulsora desta proposta que transforma o recreo nun espazo de convivencia en galego. “Os patios están divididos e os alumnos de diferentes cursos non coinciden, así que decidimos xuntalos”, explica.
Unha das claves do proxecto é a colaboración entre cursos. Os estudantes de 4º, 5º e 6º de Primaria asumen o rol de monitores e axudan aos máis pequenos, desde Infantil ata 3º de Primaria, a integrarse nos xogos en galego. Esta xerarquía foi ben recibida polos participantes: “Están encantados”, afirma Patricia, quen destaca a gran implicación de todo o alumnado no proxecto.
Actividades diarias para aprender xogando
O programa comezou o luns 10 e cada día está dedicado a unha actividade diferente:
- Luns: falar en galego
- Martes: xogar en galego
- Mércores: ciencia en galego
- Xoves: escribir e ler en galego
- Venres: cantar e bailar en galego
Para dinamizar a participación, os alumnos extraen dunha “caixa de sorpresas” tarxetas con palabras en galego, arredor das cales se constrúen os xogos. As propostas son variadas: desde debuxar con tizas de cores ata facer experimentos como crear un boneco de neve con bicarbonato ou disputar unha carreira de obstáculos.
A experiencia do CEIP O Couto busca fomentar o uso cotián do galego nun espazo máis informal e distendido, reforzando a oralidade e a convivencia entre estudantes de diferentes idades. Durante estas 21 xornadas en galego, o obxectivo é que o alumnado perda o medo a expresarse nesta lingua e a vexa como unha opción natural tamén nos momentos de lecer.