Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Nace o Club Raposo, unha iniciativa para que a infancia recupere a ilusión de recibir cartas en galego

Recuperar a ilusión de abrir a caixa do correo e atopar unha carta escrita especialmente para un mesmo é o punto de partida do Club Raposo, unha iniciativa que combina a correspondencia postal co fomento do uso do galego entre a infancia. O proxecto conta xa con máis de 54 nenos e nenas de diferentes puntos de Galicia e mantén aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro domingo, 29 de novembro.

A proposta nace da experiencia dunha familia galegofalante da Coruña que, tras observar os cambios nos hábitos lingüísticos da súa filla coa chegada á escola, decidiu buscar alternativas para favorecer o uso do galego nas relacións sociais durante a infancia. “Somos unha familia galegofalante e temos unha filla á que educamos en galego. Cando chegou ao colexio observamos como a realidade lingüística fixo que ela e outros nenos e nenas que falaban galego na casa deixasen de utilizalo para comunicarse en castelán cos compañeiros e compañeiras”, explican os impulsores do proxecto.

Desta experiencia xurdiu a idea de crear un espazo no que o galego estivese vinculado ao lecer, á imaxinación e ás relacións afectivas, máis alá do ámbito familiar ou educativo.

Cinco raposiños cos que cartearse

Alicia, Adela, Antón, Amelia e Anxo son os protagonistas desta iniciativa. Trátase de cinco raposiños de ficción, de entre cinco e once anos, que conforman un grupo de amigos cos que os membros do club poderán manter correspondencia. A través das súas cartas, os participantes achegaranse a diferentes historias e recibirán mensaxes e pequenas sorpresas. “Queremos que cada neno e nena viva a emoción e a ilusión de enviar e recibir unha carta, que experimente o que significa abrir un sobre e descubrir unha pequena sorpresa pensada especialmente para el ou ela”, sinalan os promotores.

O propósito é que a lingua galega se converta nun vehículo de comunicación asociado a experiencias positivas, nas que os máis pequenos poidan empregala de maneira espontánea e establecer vínculos a través da escrita.

Unha alternativa de lecer afastada das pantallas

Alén da súa dimensión lingüística, o Club Raposo pretende recuperar unha forma de comunicación que perdeu presenza coa expansión das tecnoloxías dixitais. Fronte á inmediatez das mensaxes electrónicas, a correspondencia postal introduce outros tempos e dinámicas, desde a preparación dunha carta ata a espera pola resposta.

Os responsables da iniciativa consideran que este formato permite ofrecerlles aos nenos e nenas alternativas de entretemento que non dependen dos dispositivos electrónicos, ao tempo que favorece o desenvolvemento da creatividade, da paciencia e das habilidades sociais.

As primeiras cartas chegarán polo Nadal

A convocatoria inicial, difundida a través das redes sociais do proxecto cultural Verbanza, conseguiu reunir xa máis de medio cento de participantes. Os impulsores interpretan esta acollida como unha mostra do interese das familias por dispoñer de novos recursos e espazos nos que a infancia poida desenvolverse en galego. O prazo para incorporarse ao Club Raposo como membro fundador permanecerá aberto ata o domingo 29 de novembro. Unha vez pechado este primeiro período de inscrición, a organización comezará a preparar os envíos co obxectivo de que as primeiras cartas cheguen aos fogares dos participantes durante este Nadal.

As familias interesadas en formar parte da iniciativa poden solicitar máis información a través do perfil de Instagram de Verbanza (@verbanza_) ou do correo electrónico verbanza@gmail.com.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.