A lingua e a cultura galegas levan trece anos contando cun espazo de difusión na cidade italiana de Perugia. O Centro de Estudos Galegos, vinculado á universidade da cidade, desenvolve unha actividade que combina o ensino, a investigación e a organización de propostas culturais abertas á cidadanía. O pasado 29 de outubro, a institución celebrou o seu décimo terceiro aniversario cun concerto da artista galega Catuxa Salom, acompañada pola actriz Clara Borghesi, antiga alumna do centro.
O investigador e docente Marco Paone, un dos dous responsables da institución xunto ao profesor Carlo Pulsoni, explica que o seu traballo é moito máis que dar aulas na Universidade. “A nós encántanos ter unha relación moi estreita coa cidade, levar a cultura galega fóra do ámbito académico”, sinala.
Esta vontade de achegar Galicia ao público italiano tradúcese na organización de concertos, recitais poéticos, presentacións literarias e proxeccións cinematográficas. Segundo Paone, o centro procura celebrar polo menos unha actividade anual dedicada ao cinema galego, ademais de colaborar con diferentes iniciativas culturais tanto en Perugia como noutras cidades italianas.
O investigador considera que as características de Perugia facilitan este labor. Trátase dunha cidade universitaria cun centro histórico medieval e cunha importante tradición académica, elementos que, ao seu xuízo, permiten establecer certos paralelismos con Santiago de Compostela. A existencia dun tecido cultural activo favorece tamén a colaboración con outros axentes e a organización de actividades dirixidas a públicos diversos.
Trece anos de actividade e máis dun cento de asistentes á última celebración
O aniversario do centro é un marcador da dimensión que espertan estas propostas máis alá da comunidade universitaria. O concerto celebrado o 29 de outubro reuniu, segundo as estimacións de Paone, máis dun cento de persoas, entre as que había estudantes, profesorado doutras facultades e veciñanza da cidade.
A actuación contou coa participación de Catuxa Salom e Clara Borghesi, unha antiga estudante que realizou un traballo académico sobre a lírica galego-portuguesa baixo a dirección de Pulsoni e Paone. Posteriormente, Borghesi orientou a súa carreira cara ás artes escénicas, aínda que mantivo a súa vinculación coa cultura galega. Para o investigador, a colaboración entre ambas as artistas foi unha das mostras da continuidade dos vínculos que se crean arredor do centro. A institución conserva unha gravación da actuación e Paone expresa o seu desexo de que o espectáculo poida ter unha maior difusión e de que as dúas artistas volvan traballar xuntas.
A historia do Centro de Estudos Galegos de Perugia está relacionada coa traxectoria dos seus dous responsables. Antes da súa creación, Carlo Pulsoni xa impulsara un centro dedicado aos estudos galegos na Universidade de Padua. O seu posterior traslado a Perugia e a incorporación de Paone facilitaron a posta en marcha dunha nova institución, en colaboración coa Xunta de Galicia.
Desde entón, o centro desenvolveu unha actividade que abrangue diferentes ámbitos. Pulsoni, catedrático de Filoloxía Románica, centra boa parte da súa investigación no patrimonio literario galego-portugués medieval e na historia da literatura galega. Pola súa banda, Paone traballa especialmente en cuestións relacionadas coa lingua, a lingüística, a tradución e a sociolingüística contemporánea.
Da poesía contemporánea á novela negra galega
Un dos principais obxectivos do centro é presentar Galicia como unha realidade cultural contemporánea, sen limitar o seu estudo á tradición histórica ou literaria. No curso de Introdución á Lingua e á Literatura Galegas, Paone procura partir da produción literaria actual para abordar cuestións relacionadas coa sociedade, a cultura e a situación sociolingüística de Galicia.
A poesía contemporánea ocupa un lugar destacado neste traballo. O investigador participou na tradución ao italiano de autores como Uxío Novoneyra e Ismael Ramos, ademais de colaborar en diferentes actividades de difusión da literatura galega. Porén, no programa tamén se trata a novela negra, que constitúe outro dos ámbitos de interese, tanto polo desenvolvemento que experimentou este xénero en Galicia como pola súa chegada ao mercado editorial italiano. O centro tamén analiza as relacións entre literatura e cinema, con obras como A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, que permiten establecer conexións entre a tradición narrativa galega e determinados xéneros contemporáneos.
Esta perspectiva procura ofrecer ao alumnado unha visión ampla da cultura galega, relacionando as obras literarias co contexto social e lingüístico no que se producen. Ao longo destes trece anos, o centro tamén participou en iniciativas culturais noutras cidades italianas. Paone lembra, entre outras experiencias, unha colaboración coa Fundación Uxío Novoneyra e con Antón Lopo no Festival de Salerno en 2019, así como diferentes presentacións literarias con Berta Dávila arredor da súa obra O derradeiro libro de Emma Olsen.
Entre os espazos nos que participaron figura tamén o Salón Internacional do Libro de Turín, unha das principais citas do sector editorial italiano. O investigador destaca igualmente a presenza de escritores e poetas galegos que pasaron por Perugia ao longo destes anos. Un dos casos que lembra é o de Ismael Ramos, quen, tras participar nun recital na cidade, incluíu no seu libro Lixeiro un poema titulado Perugia. A obra foi posteriormente recoñecida co Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández.
Estudar galego en Italia
O perfil das persoas que se achegan ao Centro de Estudos Galegos foi cambiando ao longo da súa traxectoria. Aínda que existe unha vinculación directa cos estudos de Filoloxía Románica e de lingua española, as actividades tamén conseguiron atraer alumnado doutras disciplinas. Paone explica que, durante os primeiros anos, a súa participación na docencia de español para diferentes facultades permitiu establecer contacto con estudantes de Dereito, Ciencias Políticas e outras titulacións.
Na actualidade, o centro mantén un núcleo de alumnado especialmente relacionado cos estudos lingüísticos e literarios, pero as actividades culturais abertas á cidade permiten chegar a persoas que non teñen unha relación académica directa con Galicia. Esta diversidade tamén implica afrontar diferentes niveis de coñecemento sobre a realidade galega. Unha das cuestións que xorden ao presentar a lingua é a maneira na que se entende o plurilingüismo en Italia, onde a relación entre os conceptos de lingua e dialecto responde a unha evolución histórica diferente á do Estado español.

Galicia e Italia: dúas realidades lingüísticas diferentes
Para Paone, a comparación entre Galicia e Italia resulta especialmente interesante pola diversidade lingüística existente en ambos os territorios, aínda que advirte de que non se poden trasladar directamente as categorías dunha realidade á outra. “Hai sempre este debate, esta dialéctica entre o que é dialecto e o que é lingua ou o que é lingua oficial”, explica o investigador, que considera necesario contextualizar historicamente estas diferenzas para comprender a percepción do galego entre o público italiano.
Italia presenta unha elevada diversidade lingüística, con realidades moi diferentes segundo o territorio. Paone menciona exemplos como o sardo, que conta con recoñecemento institucional, ou o napolitano e o siciliano, que manteñen unha importante presenza social e cultural nas súas respectivas áreas. Así a todo, o investigador sinala que existen territorios nos que as linguas locais continúan empregándose nas relacións familiares, entre amizades e noutros espazos de proximidade, malia que o italiano predomine no ámbito institucional.
Esta situación permite introducir nas aulas conceptos como a diglosia, é dicir, a distribución dos usos das linguas segundo os diferentes contextos sociais. Paone insiste en que a historia sociolingüística italiana presenta particularidades propias, tanto no desenvolvemento das linguas locais como nas políticas lingüísticas aplicadas ao longo do tempo. Por iso, considera importante evitar comparacións simplificadas coa situación galega.
Outro dos vínculos entre Galicia e Italia é o interese histórico polo Camiño de Santiago, un ámbito de estudo con tradición en Perugia. Con todo, Paone explica que o centro procura complementar esa perspectiva cunha atención especial á Galicia actual.
O obxectivo, sinala, é coñecer os vínculos coa tradición, pero tamén comprender a produción cultural, os cambios sociais e a realidade lingüística contemporánea do país.