Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O Consello da Cultura Galega avanza propostas para unha administración que fale galego

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu este xoves unha nova sesión do foro ‘Un país coa súa lingua’, centrada nesta ocasión no ámbito da administración, a xustiza e os servizos públicos. A mesa, coordinada pola catedrática Alba Nogueira, puxo sobre a mesa medidas para avanzar cara a unha administración que “lle fale á sociedade na súa lingua”.

Entre as propostas formuladas destacou a tradución ao galego dos programas de tramitación utilizados na xustiza, como a aplicación Minerva, e dos modelos documentais máis habituais. Tamén se defendeu a elaboración de software e formularios en galego, como paso imprescindible para garantir a oficialidade efectiva do idioma neste ámbito.

Segundo explicou Luís Villares Naveira, maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, “nos últimos cinco anos, só o 3,79 % das resolucións ditadas en Galicia están redactadas en galego, fronte ao 96,21 % en castelán”. O xuíz advertiu que a situación responde a unha “inercia histórica” e incidiu na necesidade de dotar de máis medios ao sistema: “O fallo está nas políticas públicas que deberían garantir a oficialidade lingüística”.

As persoas participantes tamén defenderon que, unha vez que os materiais estean dispoñibles, se poña en marcha un programa de formación para os profesionais da xustiza, co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega tanto na tramitación como nas resolucións.

Ademais, propoñéronse medidas como o aumento do gasto público en normalización lingüística, ou a introdución de criterios lingüísticos nos contratos da administración, especialmente nos ámbitos da atención ao público, o lecer, a infancia, os servizos sociais ou os centros de día.

O catedrático da Universidade da Coruña Carlos Amoedo Souto propuxo avanzar cara a unha regulación legal da planificación lingüística, coa idea de establecer un marco normativo máis sólido e transversal. Pola súa banda, Cristina López Villar, vicerreitora da UDC, anunciou a posta en marcha dun plan interuniversitario de promoción do galego.

Un proceso participativo en marcha ata o outono

Esta foi a segunda parada dun itinerario que se iniciou en xaneiro, e que continuará o 23 de abril coa sesión dedicada a “Sanidade, ciencia e servizos sociais”. A seguir virán as mesas sobre comunicación, economía, sociedade e participación comunitaria.

A cidadanía pode participar no foro mediante un cuestionario en liña dispoñible durante todo o proceso, así como de forma presencial nas sesións, que se celebran na sede do CCG. Ademais, todos os encontros son emitidos en directo en streaming e permanecen accesibles na web da institución.

Está previsto que no outono teña lugar un foro aberto de peche, no que se presentarán as conclusións e se debaterán co público para enriquecer o documento final de propostas.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.