A Tenencia de Alcaldía de Lugo, a través da edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou o envío de carteis en galego aos comercios da cidade para anunciar as rebaixas. Esta acción forma parte das iniciativas impulsadas pola Alianza Lugo pola Lingua, unha estratexia promovida desde o Concello para fomentar a visibilidade e o uso do galego na vida cotiá.
Segundo Ferreiro, esta medida busca demostrar que “a nosa lingua pode ser utilizada en calquera situación, facilitando que a veciñanza se anime a falar en galego e colaborando para reverter a grave situación que vive o idioma galego”.
A decisión toma forza nun contexto marcado por datos preocupantes sobre o uso do galego entre a poboación máis nova. Segundo os últimos estudos, só o 7 % dos nenos e nenas de 5 a 14 anos falan galego sempre, mentres que un terzo dos menores afirma saber pouco ou nada da lingua. Ferreiro sinala que “14 anos despois do decreto antigalego do PP, cunha xeración educada integramente nesta normativa, estamos vendo como as persoas máis novas están a perder a capacidade de utilizar a nosa lingua”.
Ademais dos carteis, Ferreiro presentou un decálogo de medidas a representantes de asociacións e colectivos para reforzar o uso do galego e garantir a súa supervivencia. Segundo a edil, é urxente “tomar medidas reais e inmediatas” para abordar a situación actual da lingua, promovendo accións que incentiven o seu uso en diferentes ámbitos.
O Concello de Lugo, a través da Alianza Lugo pola Lingua, mantén o compromiso de traballar para que o galego teña unha maior presenza na vida diaria, especialmente no comercio e na relación directa coa cidadanía. Esta nova acción súmase a outras iniciativas que buscan involucrar a sociedade na revitalización da lingua galega.