A ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, confirmou que haberá cotas de contido audiovisual en linguas cooficiais para todas as plataformas . Unha medida que foi pactada co grupo parlamentario de Esquerra Republicana de Cataluña (ERC) e que “veñen protexidas por unha serie de axudas públicas”. Isabel Rodríguez expresouse así durante a rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros, ao ser preguntada sobre se as cotas irán acompañadas dalgún tipo de incentivo.
Segundo explicou a portavoz do Executivo, o anteproxecto de Lei audiovisual estase traballado no seo do Goberno e “o que se produciu no día de hoxe son acordos parlamentarios que propiciarán a viabilidade da tramitación desta lei unha vez que salga do Consello de Ministros“. Neste sentido, sinalou que chegará ao Consello de Ministros “nas próximas semanas, antes de final deste ano”.
“É unha lei importante que dá cumprimento á normativa da Directiva de servizos de comunicación audiovisual, que forma parte dos nosos compromisos nas reformas integradas no Plan de Recuperación que reverten tamén nunha aposta do Goberno por potenciar a industria audiovisual a través dese Hub para ser referencia europea”, manifestou.
Promoción das linguas do estado
Neste sentido, Rodríguez insistiu en que, con esta normativa, o Goberno aborda “a protección e a promoción de todas as linguas do Estado, do castelán e das linguas oficiais, dando cumprimento a esa garantía constitucional que vén contemplada de pór en valor todas as linguas do Estado como unha riqueza cultural” do país. “Esa é a filosofía do texto que traballa o Goberno e que nunhas semanas virá ao Consello de Ministros”, subliñou.
Nunha comparecencia previa, o portavoz do grupo parlamentario de Esquerra Republicana de Cataluña (ERC), Gabriel Rufián, anunciou un acordo co Goberno polo cal se establece que “unha cota do 6% do contido audiovisual ofertado nas plataformas sexa en linguas cooficiais”. Esta medida enmárcase nas negociacións para aprobar os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2022.
Gabriel Rufián detallou que “isto significa que de cada 100 películas ofertadas en plataformas, 30, por directiva europea, teñen que ser en lingua europea e destas a metade teñen que ser en linguas cooficiais do Estado“. “Iso significa que o 20% das películas europeas teñen que ser e serán en catalán, en galego e en eúscaro”, apostilou.
Rufián detallou que, en canto a incentivos se refire, se acordou un imposto do 5% para a produción audiovisual. “O 10% de todo isto irá ao Instituto de Cinematografía de Artes Audiovisuais e todo eles será integro para as linguas cooficiais, é dicir, o 10% deste imposto será para tentar fomentar a produción audiovisual en linguas cooficiais”, declarou. Vía Galicia Confidencial.