Aprender a presentarse, comprender unha conversa ou coñecer a gramática son só unha parte do proceso. Para as persoas que participan no curso de acollemento lingüístico que se desenvolve en Salceda de Caselas, achegarse ao galego significa tamén descubrir por que determinadas expresións non teñen unha tradución exacta ao castelán, entender a historia social da lingua ou coñecer festas e tradicións que forman parte da vida cotiá do municipio.
O programa reúne nesta edición oito persoas con idades, procedencias e motivacións diferentes. Hai participantes que ven o galego como un primeiro paso para optar no futuro a empregos na Administración pública, outras que simplemente queren comprender mellor a sociedade na que viven e tamén persoas que chegaron a Galicia seguindo o camiño inverso ao que décadas atrás emprenderan os seus familiares emigrantes.
Andrea González, responsable da formación, explica que a iniciativa encaixa nunha realidade demográfica moi concreta. Salceda converteuse nos últimos anos nun lugar de residencia para numerosas familias procedentes tanto doutros puntos de Galicia e do Estado como doutros países, favorecido entre outros factores pola súa proximidade á área de Vigo e polo prezo da vivenda.
A isto súmase unha poboación especialmente nova e unha presenza significativa de familias chegadas de países como Venezuela, Colombia ou Marrocos. Os servizos municipais xa detectaran anteriormente a necesidade de crear vías de acompañamento para estas persoas, inicialmente desde ámbitos como os Servizos Sociais ou Igualdade.
As primeiras actuacións estiveron centradas na convivencia, no contacto coas distintas comunidades e tamén no apoio lingüístico. No caso da comunidade marroquí, ela lembra que contar nun momento determinado cunha persoa en prácticas procedente de Marrocos permitiu facilitar o achegamento a unha realidade cultural coa que os servizos municipais tiñan inicialmente menos contacto.
Unha proposta da Xunta que coincidiu cos plans municipais
O actual curso de acollemento en galego chegou posteriormente. A iniciativa partiu da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua, que seleccionou distintos municipios nos que consideraba de interese desenvolver este tipo de formacións.
Salceda aceptou a proposta nun momento no que, segundo explica a súa responsable, o Concello xa estaba valorando desenvolver algunha iniciativa de inmersión lingüística. A Administración autonómica facilita tamén os materiais empregados durante as clases.
O resultado é un curso gratuíto de 20 horas dirixido a persoas chegadas de fóra de Galicia, independentemente de que leven pouco tempo no país ou residan nel desde hai anos sen empregaren habitualmente o galego.
Entre o alumnado poden encontrarse así persoas sen ningún vínculo familiar previo con Galicia, persoas que levan anos vivindo no territorio ou descendentes de emigrantes galegos que decidiron instalarse agora na comunidade. A formación aborda cuestións básicas de fonética e gramática, pero a proposta pretende ir máis alá dunha clase convencional de idiomas. O alumnado achégase tamén á historia da lingua, á súa evolución social e á cultura galega, desde as festas populares ata a gastronomía. “Que entendan un pouco a forma de ser galega, non só a lingua, senón tamén a forma de expresarse dos galegos”, resume González.
Oito alumnos e motivacións moi diferentes
Entre os oito participantes desta edición, segundo indican dende a área de Normalización Lingüística, hai persoas de entre 30 e 45 anos que contemplan a posibilidade de traballar no futuro na Administración e consideran necesario comezar a formarse en galego.
O curso, con todo, non equivale a unha acreditación Celga. Ao rematar, o alumnado recibe un diploma oficial que certifica as 20 horas de formación, pero para acceder a postos nos que se require un determinado nivel oficial de galego é necesario obter posteriormente a correspondente certificación.
Por iso, a formación pode funcionar tamén como unha primeira aproximación antes de preparar un Celga. Concello prevé ademais facilitar materiais específicos a quen queira continuar por esa vía. Pero o emprego non é a única razón para sentarse na aula. Hai tamén un matrimonio xubilado, unha muller de 78 anos e persoas que se achegan ao curso simplemente porque queren coñecer mellor a lingua e a cultura do lugar no que decidiron vivir.
Entre o alumnado hai ademais tres persoas procedentes de Marrocos, dúas delas amas de casa. Neste caso, o interese pola lingua tamén pode estar relacionado coa realidade escolar dos seus fillos, que estudan nun sistema educativo no que o galego forma parte das aulas.
“Veñen con moito interese e respecto pola lingua”, asegura a formadora. A responsable do curso considera que esta disposición pode chegar a ser mesmo maior que a dalgunhas persoas nacidas en Galicia que non empregan habitualmente o galego.
Un dos elementos que máis sorprendeu á responsable do curso é precisamente o interese polas cuestións culturais e sociolingüísticas.O material formativo incorpora vídeos breves sobre distintos aspectos da historia e da cultura galegas. Segundo relata González, en varias ocasións foi o propio alumnado o que pediu repetir algún deles, non porque non entendese o contido, senón porque quería volver escoitalo. Preguntas sobre Rosalía de Castro, a orixe das palabras, os xermanismos ou os arabismos presentes no galego acaban formando parte das conversas da aula. A historia social da lingua tamén esperta curiosidade e abre debates sobre as diferenzas entre a situación do galego e a doutras linguas do Estado.
Algúns dos participantes, descendentes de emigrantes galegos que viviron durante anos en Cataluña, comparan a situación lingüística galega coa catalá e preguntan polas razóns históricas que explican as súas distintas evolucións sociais. “Acábanse interesando pola sociolingüística da túa lingua”, explica Andrea González, que destaca tamén a sorpresa que producen cuestións como a riqueza léxica vinculada á choiva ou unha fraseoloxía que non sempre pode trasladarse literalmente a outra lingua.
Aprender galego nun municipio onde se escoita na rúa
O contexto no que se desenvolve o curso é outro dos factores que condicionan a experiencia. Segundo explican, o galego mantén unha presenza importante na vida diaria de Salceda de Caselas e continúa sendo habitual escoitalo na rúa. Tamén é a lingua inicial de atención no propio Concello. Os empregados municipais adoitan dirixirse en galego ás persoas usuarias e adaptan posteriormente a lingua da conversa cando é necesario. Ese contacto fai que boa parte do alumnado xa chegase ás clases cunha certa capacidade para comprender galego, aínda que non o falase.
Andrea pon o exemplo dunha participante marroquí que leva arredor de catro anos residindo no municipio e que xa comprende o galego con normalidade. Para persoas cun menor dominio tanto do galego como do castelán, as explicacións deben facerse máis amodo e, cando resulta necesario, recórrese á tradución.
As sesións impártense fundamentalmente en galego, buscando unha inmersión lingüística desde o primeiro momento, pero adaptada ás capacidades de cada participante.
Para a responsable do curso, a presenza do galego non pode entenderse illada da vida cultural do municipio. As festas populares, o Entroido ou as celebracións gastronómicas funcionan tamén como espazos de transmisión lingüística.
Andrea González destaca especialmente o Entroido de Salceda, no que os barrios manteñen unha tradición de rivalidade festiva, humor e crítica a través dos pasquíns. Boa parte dese universo cultural continúa desenvolvéndose en galego. “Tradición e lingua van parellas”, resume. Esa vinculación fai que unha persoa chegada de fóra non se encontre coa lingua exclusivamente nun libro ou nunha aula, senón tamén nas festas, nas conversas ou no comercio local.
Ao mesmo tempo, o Concello intenta fomentar o galego entre a poboación máis nova mediante iniciativas como concursos de relatos, xa que dende Normalización Lingüística detectan unha maior presenza do castelán entre a infancia e a mocidade que noutros grupos de idade.
A existencia dun contorno galegofalante non elimina, porén, unha das barreiras que poden atopar as persoas migrantes. Recoñece que é frecuente que un falante de galego cambie automaticamente ao castelán cando percibe que a persoa coa que fala procede doutro país. Isto pode facer que alguén que xa pode comprender o idioma teña menos oportunidades de estar en contacto con el. “Pode ser que entendan que igual non lles é necesario aprender galego porque xa lles falan fóra, na rúa, en castelán”, explica.
Pero limitar a integración lingüística ao castelán pode deixar fóra unha parte da comunicación social e cultural do lugar no que viven. Andrea González cita como exemplo a retranca, pero tamén outras formas de expresión difíciles de comprender completamente sen coñecer a lingua e o contexto no que xorden. “Sempre van notar esa falta de entendemento na retranca, incluso falta de entendemento na comunicación propia”, sinala. A situación xeográfica de Salceda introduce ademais outro elemento. A proximidade con Portugal fai que o coñecemento do galego poida facilitar tamén a comprensión do portugués nas relacións habituais coa outra banda da fronteira.
Por iso, González considera que, aínda que unha persoa poida pensar inicialmente que o castelán lle resulta suficiente, vivir nun municipio como Salceda fai que o galego acabe estando presente na súa vida diaria.
A Administración tamén aprende do alumnado
O proceso de acollemento, asegura, non debería funcionar nunha única dirección. Os servizos municipais están tamén intentando coñecer mellor como viven estas persoas, que necesitan e que esperan das actividades culturais do Concello. A proximidade cultural pode facer máis sinxelo detectar determinadas necesidades, mentres que con comunidades máis afastadas culturalmente é necesario buscar outras vías de contacto. Por iso, a colaboración entre Normalización Lingüística, Servizos Sociais e Igualdade resulta relevante.
O Concello comezou tamén a explorar fórmulas para que as distintas culturas presentes no municipio non aparezan como realidades separadas, senón que poidan compartir espazos. A idea pasa por pensar en actividades, mostras ou encontros nos que poidan convivir elementos da cultura galega coa marroquí, venezolana ou doutras procedencias, empregando precisamente a cultura como vía para introducir tamén a lingua. “Gustaríanos aprender a conxugar a nosa cultura coa deles”, explica González.
O actual curso convértese así nunha primeira experiencia para comprobar tamén que demandan as persoas participantes. A continuidade aínda non está pechada, aínda que desde o Concello contemplan seguir desenvolvendo iniciativas deste tipo, ben a través de novas propostas da Xunta ou mediante programas propios.