A Deputación de Pontevedra vén de abrir o prazo para solicitar as axudas dirixidas a entidades sen fins de lucro da provincia para o financiamento de actividades de dinamización da lingua galega. A convocatoria, publicada no Boletín Oficial da Provincia, conta cun orzamento de 150.000 euros e diríxese a programas que se desenvolvan durante todo o ano 2025.
Estas subvencións teñen como obxectivo principal potenciar o uso do galego en sectores clave da sociedade, promover a súa socialización e prestixio, e fomentar a súa vinculación con valores positivos, en especial entre a infancia e a mocidade.
As entidades interesadas dispoñen dun prazo dun mes para presentar as súas solicitudes, ata o 15 de maio de 2025, contado desde a publicación da convocatoria este martes.
Cada proxecto poderá recibir un máximo de 4.000 euros, sempre que non se supere o 75 % do orzamento total da actividade concreta. A Deputación establece este límite co obxectivo de garantir que as entidades promotoras manteñan unha implicación activa no financiamento e desenvolvemento das iniciativas.
Actividades subvencionables: desde xornadas a campañas e accións sociolingüísticas
A convocatoria abrangue un amplo abano de accións subvencionables, que deben estar encamiñadas á promoción, uso e prestixio do galego:
-
Programas de normalización e dinamización lingüística, como certames, concursos, encontros, festivais ou actividades de creación artística.
-
Estudos e publicacións de carácter sociolingüístico ou toponímico.
-
Campañas de fomento do galego no ámbito socioeconómico, como o comercio e a industria.
-
Recompensas, distincións e iniciativas para a captación de neofalantes.
-
Actividades de socialización en galego ou que presenten o idioma vinculado a experiencias culturais ou de lecer.
Tamén se valorarán positivamente aquelas propostas que interveñan en contextos onde o uso do galego é minoritario ou que introduzan o idioma en espazos non habituais, co fin de desmontar prexuízos lingüísticos.
Gastos que se poderán cubrir coas axudas
Entre os conceptos que se poderán financiar con cargo ás axudas da Deputación atópanse:
-
Alugueiro de espazos e infraestruturas.
-
Contratación de profesionais e servizos técnicos.
-
Edición e impresión de materiais divulgativos ou didácticos.
-
Campañas de comunicación, publicidade e difusión.
-
Honorarios de grupos, compañías e artistas que participen nas actividades.
A Deputación destaca que esta liña de apoio busca tamén fortalecer o tecido asociativo galeguista e cultural, favorecendo a implicación directa da cidadanía no proceso de revitalización da lingua.
Ao tempo que lanza esta convocatoria para entidades sen ánimo de lucro, a institución provincial lembra que tamén está dispoñible outra liña de 150.000 euros destinada aos concellos da provincia, para actividades homólogas de dinamización lingüística. En total, a Deputación investirá 300.000 euros en 2025 neste ámbito.