Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Luke Bishop, o filólogo estadounidense que chega a Ourense en busca de Neofalantes

Non é a primeira vez que Luke Bishop, filólogo estadounidense, vén a Galicia, pois no 2015 chegou a Vigo grazas a un intercambio mentres cursaba Linguas Romances na Truman state University, en Misuri. Galicia e os galegos deixaron pegada en Bishop – el mesmo afirma que “tiña moita morriña de Galicia -, polo que regresou, desta vez ao IES Otero Pedrayo, en Ourense, grazas á bolsa de estudos Fulbright. Agora, o estadounidense volveu á comunidade en busca de neofalantes, seguindo os seus estudos arredor do galego.

Agora, o mozo de 27 anos continúa os seus estudos co Doutoramento en Lingüística Iberoamericana na Universidade de Austin, en Texas, tras completar un máster en Lingüística Hispánica na Universidade de Wisconsin. “Eu acabo de rematar o meu segundo ano, polo que aínda non comecei a tese, pero estou facendo un estudo piloto sobre neofalantes en Ourense, coa idea de rotomar estes mesmos datos no futuro”, explica Luke Bishop nunha entrevista para La Región. Con este estudo busca presentar un contexto dos neofalantes na cidade das Burgas, onde está a realizar entrevistas.

Nas súas estancias como estudante en Galicia, namorouse da comunidade pola súa cultura e paisaxe, así como pola súa autenticidade: “É hospitalaria, e invita aos de fóra a participar, pero ao mesmo tempo non cambia a súa esencia. É moi auténtica”. É por iso que entre os seus plans de futuro están regresar a Galicia para poder traballar con institutos e noutras partes da provincia, e así ampliar o seu estudo.

Comenta, á súa vez, que Galicia é unha gran descoñecida nos Estados Unidos, e o único dato que se pode saber é o relacionado co camiño de Santiago. “Sempre é un pracer ensinar a diversidade de España e os seus lugares máis enxebres”, comenta Bishop.

Polo de agora, a súa pescuda de neofalantes segue, polo que anima a todos os ourensáns que decidiron falar galego a enviarlle unha mensaxe ao enderezo lukebishop@utexas.edu. Entrevista completa en La Región.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.