A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude resolveu as convocatorias de axudas de 2026 destinadas a financiar a tradución de obras literarias desde e cara ao galego, dúas liñas coas que se busca tanto favorecer a difusión exterior da produción editorial galega como ampliar a oferta de títulos dispoñibles na lingua propia de Galicia.
As resolucións, publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), recollen os proxectos seleccionados entre as editoriais que cumpriron os requisitos e superaron o correspondente proceso de valoración. En ambos os programas, as subvencións poden alcanzar os 10.000 euros por obra nos proxectos de maior extensión.
A primeira das liñas está destinada á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinalmente en galego. O obxectivo é facilitar que títulos da literatura galega poidan incorporarse aos catálogos de editoriais doutros ámbitos lingüísticos e chegar así a novos públicos.
As subvencións abranguen un amplo abano de xéneros e formatos: narrativa, poesía, ensaio, divulgación científica, banda deseñada, teatro e literatura infantil e xuvenil. Para optar ao financiamento, as editoriais deben contar cos dereitos necesarios para editar a correspondente versión traducida.
O programa financia as primeiras traducións dunha obra a outra lingua, pero tamén permite recuperar títulos que xa foran traducidos anteriormente sempre que transcorresen máis de 20 anos desde a última tradución. Ademais, as obras resultantes deberán ter prevista a súa publicación a partir do 1 de xaneiro de 2026.
A selección non depende unicamente das características do libro. Entre os elementos analizados están o interese literario da obra, a dificultade que presenta o proceso de tradución, o catálogo da editorial e a experiencia da persoa encargada da tradución.
Na liña destinada a levar obras galegas a outros idiomas, o interese literario pode sumar ata 40 puntos; o grao de dificultade da tradución, outros 10; o catálogo da editorial, ata 20; e a traxectoria da persoa tradutora, un máximo de 30. Os proxectos deben obter polo menos 50 puntos sobre 100 para acceder ás subvencións.
Dentro da valoración das persoas tradutoras préstase atención á súa experiencia profesional e formación específica, así como aos premios de tradución que obtivesen tanto no ámbito galego como no estatal ou internacional.
Ata 25 euros por páxina
O importe concedido varía en función das características e da puntuación de cada proxecto. As traducións cualificadas como de especial dificultade poden recibir ata 25 euros por páxina, sempre que cumpran a puntuación mínima establecida. No resto dos casos, a contía oscila entre os 12 e os 20 euros por páxina.
Con carácter xeral, cada obra pode recibir un máximo de 6.000 euros. A excepción son os libros que superen os 600.000 caracteres, para os que o límite aumenta ata os 10.000 euros. A subvención, en calquera caso, non pode ser superior ao custo total do proxecto.
O pagamento distribúese en dúas anualidades: o 45 % da cantidade concedida corresponde á primeira e o 55 % restante á segunda.
Tradución ao galego de obras escritas noutras linguas
Xunto coa convocatoria para a proxección exterior da literatura galega, a Xunta resolveu tamén as axudas destinadas ao percorrido inverso: traducir ao galego obras publicadas e comercializadas orixinalmente noutras linguas.
Esta segunda liña busca apoiar a edición en galego financiando parte dos custos que supón incorporar aos catálogos títulos procedentes doutras literaturas. Igual que na convocatoria anterior, poden concorrer proxectos de narrativa, poesía, ensaio, divulgación científica, banda deseñada, teatro e literatura infantil e xuvenil.
As condicións temporais son tamén semellantes. Poden subvencionarse primeiras traducións ao galego ou novas versións de títulos cuxa última tradución teña máis de 20 anos, sempre que a publicación da nova edición estea prevista a partir do 1 de xaneiro de 2026.
Neste caso, cada editorial podía presentar solicitudes para un máximo de 15 obras. Ademais, unha mesma persoa tradutora non podía participar en máis de cinco proxectos subvencionados dunha editorial.
A convocatoria funciona en réxime de concorrencia competitiva e establece igualmente unha valoración máxima de 100 puntos e un mínimo de 50 para acceder ao financiamento. O interese literario da obra e do seu autor ten neste caso un peso máximo de 45 puntos, mentres que a dificultade da tradución suma ata 10, o catálogo da editorial outros 15 e a traxectoria profesional da persoa tradutora ata 30.
As condicións económicas coinciden coas establecidas para a tradución de obras galegas ao exterior. Os proxectos de especial dificultade poden recibir 25 euros por páxina e os restantes, entre 12 e 20 euros. O límite sitúase nos 6.000 euros por título ou nos 10.000 para obras que superen os 600.000 caracteres, sen que a subvención poida exceder o custo real da tradución.