No 2000 Ledicia Costas chegaba, aínda sendo unha adolescente, ao mundo da literatura, publicando a súa primeira novela Unha estrela no vento (Edicións Xerais). Este foi o inicio dunha carreira repleta de éxitos, con máis de 20 títulos ás súas costas que a converten nunha das escritoras máis recoñecidas e traducidas da literatura galega.
Coa súa obra infantil Escarlatina, a cociñeira defunta, recibiu importantes recoñecementos como o Premio Merlín de literatura infantil ou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no 2015, ao que se suman outros galardóns como o Premio Lazarillo de creación literaria no 2015, o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria.
Pero antes de escribir literatura infantil e xuvenil, Ledicia Costas foi unha nena que se mergullou de cheo nos libros, e foron estes a súa porta ao galego, pois ela é neofalante. “Eu fun quen introduciu o galego na casa. Como cheguei a el? A través da literatura infantil e xuvenil, con aquelas obras que lía no instituto”, relata nunha entrevista para Diario de Pontevedra. “Para min converterme en neofalante veu da man de ser lectora de libros en galego”, engade.
Como ela mesma explica, as obras que leu de adolescente, en especial as de Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey, fixeron que se interesase primeiro pola literatura en galego. É por iso que considera que se converteu ao idioma “primeiro no literario e despois na fala”. Agora, son moitos os nenos e adolescentes que len en galego da man da autora viguesa.
O seu éxito fai que visite centros escolares e institutos, tanto fóra como dentro de Galicia, algo que a fai ser consciente da realidade do galego entre a xente máis nova, polo que desexa que se rompan burbullas e fronteiras para non ver o galego como unha lingua estraña. “É habitual chegar a unha escola e ver que non conseguen construír frases en galego correctamente, porque non hai hábito. Iso é demoledor. E co paso do tempo agrávase”, lamenta a escritora, quen considera que o panorama do galego entre as novas xeracións é “desolador”. Entrevista completa en Diario de Pontevedra.