O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de resolver a favor do recurso interposto pola Mesa pola Normalización Lingüística contra a decisión da subdelegación do goberno español en Pontevedra de prohibir a denuncia pública da deturpación do nome lexítimo da Toxa na cuarta edición do “Foro La Toja”. O TSXG obriga así o goberno español a permitir a concentración que se celebrará este xoves, 29 de setembro, ás 19 horas no paseo do Mar da Illa da Toxa, tal e como propuxera a policía local do Grove no seu momento.
A Mesa pola Normalización Lingüística lamenta o “talante pouco democrático” que, aseguran, amosaron os representantes do goberno español en Galicia, que “optaron por limitar os dereitos divís e lingüísticos da poboación en lugar de asumir as alternativas que ofrecían as propias forzas e corpos de seguridade para poder garantilos e que non se molestaron en compartir coa entidade organizadora da protesta”.
O presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira, afirma que esta resolución pon en evidencia o ánimo da delegación do goberno en Galicia de “facer calar a quen defende o exercicio dos dereitos civís e lingüísticos, mentres ampara quen os incumpre”. “Se as autoridades asistentes ao acto tivesen realmente vontade de garantir o cumprimento da lexislación”, engade Maceira, “non acudirían a un acto que fai gala do desprezo por ela”.