Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Entregados os premios do certame ‘Vémolo Nós’ á promoción audiovisual do galego como lingua de divulgación

Alejandro Gómez Pazo, Paulo Miguel Mouriño Pereiro, Celia Eiras Rubín e Estrela Ocaña Abadín son as persoas gañadoras da primeira edición do certame ‘Vémolo nós’ co que o Servizo de Normalización Lingüística da USC busca promover a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica. O acto de entrega dos galardóns desenvolveuse este venres 22 no claustro do Colexio de Fonseca e contou coa participación do vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, quen deu paso á entrega de premios.

“Para a USC a promoción do galego é moi importante”, destacou o profesor Feijoo Costa. “Este certame é un gran de area que sumado a todos os grans de area que impulsamos dende a Universidade serve para dar pulo á promoción da nosa lingua”, engadiu. Pola súa parte, Valentín García puxo o foco na relevancia do sector audiovisual xa que permite difundir o idioma “de xeito rápido, rotundo”, salientando que o ‘Vémolo nós’ é “unha iniciativa fresca e orixinal”.

Persoas premiadas

Na categoría de ‘Divulgación do Coñecemento’, impúxose o traballo de Alejandro Gómez Pazo titulado ‘Con: as dinámicas costeiras e cambio global’. Nesta mesma modalidade foron finalistas ‘Os maios en Galiza’ de C. Fernández Losada e E. Losada Fernández; e ‘Camuflaxe vs mimetismo’ de M. García Amado e I. Pérez Sánchez.

‘O cronómetro’ de Paulo Miguel Mouriño Pereiro, Celia Eiras Rubín e Estrela Ocaña Abadín foi o traballo vencedor na categoría ‘Descubrindo a USC’. Ademais, resultaron finalistas ‘Manuela Barreiro Pico. A historia da primeira licenciada da USC’ de Carmen Villaverde Nartallo e Iria Peniza Rodríguez; e ‘Descubrindo o Colexio Fonseca’ de Xosé Ramón Cisneros Pérez.

O Colexio de Fonseca

Finalmente, en ‘A utilidade do galego’, volveu gañar Alejandro Gómez Pazo co traballo ‘A costa galega en galego’. O traballo gañador en cada unha das categorías recibiu un total de 1.500 euros. O xurado estivo composto por Manuel C. Núñez Singala (presidente), Castor Méndez Paz, Elena Vázquez Cendón, Otilia Reyes Ferreiro e  Manuel Bermúdez Blanco (secretario). O número de vídeos presentados nesta primeira edición foi de 22.

Youtubeiras

Coincidindo no tempo coa entrega de premios do ‘Vémolo nós’, os servizos de Normalización Lingüística das tres universidades públicas galegas e dos concellos de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, xunto coa Deputación da Coruña, acaban de convocar a sétima edición dos galardóns Youtubeiras baixo o lema ‘Rede aberta, Rede diversa’. O certame repartirá 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categorías, incluído o galardón do público. O prazo de inscrición remata o próximo 17 de novembro. Esta iniciativa quere fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.

Foto de familia de persoas gañadoras, finalistas, integrantes do Servizo de Normalización Lingüística, membros do xurado, o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia de persoas gañadoras, finalistas, integrantes do Servizo de Normalización Lingüística, membros do xurado, o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. FOTO: Santi Alvite

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.