Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Entrega de diplomas aos novos “embaixadores da cultura galega” no mundo

Jakub Merdala, procedente de Cracovia, empezou a estudar galego fascinado pola cantigas medievais que coñeceu na súa universidade. Hoxe recibiu o seu diploma como alumno do nivel superior do XXXIII Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”. Antón Rey levará o seu certificado a Buenos Aires, a cidade onde naceu, pero el defínese como galego. “Aprendín a falar o galego no colo do meu avó”, contou este mediodía emocionado no acto de clausura desta actividade, organizada pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.

Iris Grob tamén é xa galega dalgunha maneira. “Fixen este curso porque o meu mozo é de Galicia e quero aprender o idioma de aquí”, explica a moza, natural dos Países Baixos. Dedícase ao audiovisual e, entre outras lembranzas destas semanas, comparte o moito que lle gustou poder ver a primeira longametraxe de Álvaro Gago, Matria, e escoitar o cineasta, que pasou polos cursos dentro do programa de relatorios que completaron a oferta de clases e outras actividades como obradoiros de música, regueifas e baile tradicional.

Vikash Kumar Singh, da India, interesouse polo galego cando descubriu a Rosalía de Castro. Tras traducir poemas da autora fundacional das letras galegas contemporáneas ao hindi, este ano volveu aos cursos cun novo proxecto en marcha arredor da literatura galega: a tradución de poemas de Celso Emilio Ferreiro.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o reitor da USC, Antonio López; o director do programa, o académico Henrique Monteagudo; a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a profesora Ana Fachal foron os encargados de entregarlles os seus diplomas a Jakub, Antón, Iris, Vikash e os demais alumnos na celebración que acolleu a Facultade de Filosofía. En total, despois de tres anos de interrupción obrigada por mor da pandemia, preto de medio cento de persoas procedentes de distintos países de Europa, Asia e América que, reiteraron os representantes das institucións organizadoras e colaboradoras, proxectarán a lingua e a cultura de noso polo mundo adiante.

“Agardo que teñades a oportunidade de volver e que sexades embaixadores dos estudos galegos alá onde esteades”, engadiu Víctor F. Freixanes.

“Agardo que teñades a oportunidade de volver e que sexades embaixadores dos estudos galegos alá onde esteades”, desexoulles o presidente da RAG, que lembrou que moitos membros da Asociación Internacional de Estudos Galegos foron antes estudantes deste cursos. “Como vos dixen na inauguración, agardo que marchedes namorados do país e entre vós, e que sigades a cultivar esas relacións de afecto, que son as que nos fan mellores persoas”, engadiu Víctor F. Freixanes.

Elisa Fernández Rei, en termos similares, cualificou estes cursos como unha “aventura de aprendizaxe e intercambio”. “Xa formades parte da comunidade de estudos galegos e estamos seguros de que levaredes algo de Galicia alí onde vaiades”, díxolles a directora do ILG. O director dos cursos referiuse a esta edición como unha “experiencia esperanzadora” en momentos difíciles para Europa, en referencia á guerra de Ucraína. “Dá moita esperanza ver xente nova coma vós, de orixes tan diversas, interesarse por unha cultura e unha lingua coma a nosa, un idioma minorizado. Demóstranos que temos cousas valiosas que ofrecer”, reflexionou Henrique Monteagudo.

O secretario xeral de Política Lingüística incidiu tamén na idea de que estes cursos son a proba do atractivo da lingua e da cultura galegas e animou o alumnado a regresar a Galicia. “Volver é o verbo que preferimos conxugar cando chega este momento”, enfatizou Valentín García. O reitor Antonio López cedeu, pola súa banda, tempo da súa intervención ao alumnado. Animáronse a tomar a palabra Antón Rey, que emocionou o público coa súa historia familiar, a historia de todo un país emigrante, e Claudia Iasparro, de Italia. En 2018 esta investigadora italiana que prepara a súa tese en sociolingüística na Universitat de València estivera en Santiago pero non aprendera galego. Despois destas tres semanas, xa se expresa con certa fluidez en galego e forma parte do grupo dos chamados “embaixadores da cultura galega”.

https://neofalantes.gal/2023/william-mcgrew-neofalante-a-lingua-e-unha-parte-esencial-da-identidade-do-pobo/

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.