Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Entroido, Antroido ou Entruido? As variantes dialectais desta gran festa galega

O Entroido é unha das festas máis emblemáticas de Galicia, con rituais ancestrais, personaxes propios e tradicións que varían segundo o lugar. Pero non só os costumes diferencian un Entroido doutro: tamén o nome desta celebración cambia segundo a zona. Segundo estudos do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC, existen ata 15 variantes rexistradas para referirse a esta festividade, que van desde a forma estándar Entroido ata outras como Antroido, Entroiro, Antruido ou Entrudio.

O termo “Entroido” ten a súa orixe no latín introitus, que significa “entrada”, en referencia á entrada da Coresma. Este significado relixioso, ligado ao ciclo cristián, explica a súa presenza na cultura popular dende a Idade Media, onde xa aparece documentado dende o ano 1251.

As variantes segundo o territorio galego

Variantes dialectais da palabra Entroido / ILG

A palabra máis estendida é Entroido, que conta con máis de 800 referencias en fontes escritas, especialmente nas provincias de Pontevedra e Ourense. A súa principal variante, Antroido, supera as 500 mencións e está máis presente no norte da Coruña e Lugo.

Con todo, en Galicia tamén se documentaron outras formas menos frecuentes, como Antroiro, Entruido, Entrudio, Introido, Antruido, ‘Ntroido ou Intrudio, que aparecen dispersas por diferentes puntos do país. Segundo o Atlas Lingüístico Galego, moitas destas variantes foron recollidas nas enquisas feitas nos anos setenta do século pasado.

Por outra banda, tamén se rexistrou o uso da palabra “carnaval” en certos lugares, principalmente en Toques e Porto do Son como forma principal, e en vilas como Sada, Rianxo, Navia de Suarna, Ribas de Sil, Agolada, Vigo e Baiona como segunda opción. Este termo, de orixe italiana (carnevale), provén do latín carnem levare, que significa “eliminar a carne”, en referencia ao xaxún que comeza coa Coresma.

Unha celebración que cambia de nome pero non de esencia

O Entroido, sexa Antroido, Entrudio ou Introido, mantén a súa esencia festiva e transgresora en toda Galicia. O seu significado evolucionou dende unha tradición ligada á relixión e ao ciclo anual ata converterse nun festexo popular onde a gastronomía, os disfraces e a crítica social seguen a ser elementos fundamentais.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.