Radiofusión iniciou nesta xornada o proceso participativo para escolller antes do remate deste 2021 o “libro galego do ano”. Oíntes da radio e internautas poderán votar entre 40 libros propostos que foron os abordados ao longo do exercicio no programa “Clube de lectura” que todas as semanas emite a rede galega da radio local.
Cada persoa poderá emitir só un voto a través das redes sociais de Twitter (Radiofusionga e Radio Fene), Facebook (Radiofusión e A Fenestra de Radio Fene) e Instagram (Radio Fene). Entre as persoas participantes sortearanse 5 lotes de 5 libros cada un.
O período de votación está aberto ata as 12 horas do xoves 30. O venres 31 darase a coñecer o Libro Galego do Ano 2021 e máis as 5 persoas participantes afortunadas recibirán o agasallo.
CLUBE DE LECTURA
“Clube de lectura” é un programa radiofónico de divulgación do libro. Intenta captar novos públicos para a literatura galega. O formato é dun diálogo sobre un libro “cara a cara” entre persoas lectoras e o autor ou autora.
Ao longo do 2021, gravouse o programa nos estudios de Radio Fene, Radio Culleredo, Ames Radio e Radio Redondela. Emítense todos os xoves a través das emisoras municipais pero tamén se pode escoitar o podcast na web.