Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Descarga aquí o novo calendario científico escolar 2024 en galego

A Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña colaboran un ano máis co Consello Superior de Investigacións Científicas na elaboración da versión en lingua galega do Calendario Científico Escolar, neste caso correspondente a 2024. Esta colaboración, en que somos a única entidade galega participante, realízase desde o ano 2019 e tamén inclúe a impresión de exemplares de cuxa distribución polos centros de ensino se encarga o Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Ao longo dos 12 meses do ano, o calendario achega 366 efemérides do ámbito científico e tecnolóxico (nacementos de persoeiros, conmemoracións de descubertas ou achegas destacables etc.), e está dirixido, principalmente, ao alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria. Alén diso, vai acompañado dunha guía didáctica con orientacións para o seu aproveitamento educativo transversal nas aulas, que responde aos principios de inclusión, normalización e equidade e atende ás pautas xerais de accesibilidade (tarefas con distinto grao de dificultade, efemérides redactadas nunha linguaxe sinxela ou texto en formato plano para a súa entrega mediante tecnoloxía texto a voz ou TTS).

Esta edición ten como novidade a presenza de actividades lúdicas, caso do xogo da oca, ao tempo que se manteñen as efemérides en lectura sinxela como recurso de apoio para estudantes con dificultades na competencia lectoescritura.

Tanto o calendario como a guía están dispoñibles desde o 9 de xaneiro en aberto para a súa descarga gratuíta na seguinte ligazón: https://eventociencia.es/calendario-cientifico-escolar/

Calendario científico escolar

Esta iniciativa enmárcase nun proxecto da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) cuxo obxectivo é contribuír a fomentar a cultura científica entre a xuventude e crear referentes que lle resulten próximos, así como promover as vocacións científico-técnicas, usando unha linguaxe non sexista, e aumentar a visibilidade das mulleres científicas e tecnólogas. Ten, ademais, a virtualidade de que se trata dun proxecto plurilingüe que respecta a realidade lingüística estatal, de modo que amais do galego tamén está dispoñible noutras 10 linguas. Por todo isto resultou merecente do I Premio CSIC de Divulgación Científica y Ciencia Ciudadana na categoría de Obra Unitaria no 2023.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.