Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Cristais rotos, de Álvaro Domínguez, Premio Xosé Neira Vilas de novela curta

O xurado da sétima edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta decidiu este xoves, e por unanimidade, concederlle o galardón á obra Cristais rotos, de Álvaro Domínguez. A sesión celebrouse no compostelán Pazo de San Roque e o xurado estivo integrado por Juan Andrés Fernández e Rosalía Morlán, membros da Fundación Xosé Neira Vilas, así como polo investigador, crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo.
O xurado argumentou a súa decisión na forza narrativa dun relato que profunda nas luces e sombras dunhas vidas golpeadas polo destino. Así mesmo, salientou a habelencia na orquestración estrutural da obra, na que conflúen tramas alternas e complementarias, escritas cunha prosa brillantemente perfilada de diálogos áxiles e cheos de verosimilitude.
Despois de publicar relatos curtos en portais dixitais como Amateurs Hotel ou The Barcelona Review, Álvaro Dominguez estreouse no medio impreso formando parte da antoloxía Lo que no se dice, da editorial Dos Bigotes. Foi un dos finalistas do premio Cosecha Eñe 2017 convocado pola revista Eñe. Ese mesmo ano recibiu o premio Tandaia por Veintitantos problemas, a súa primeira novela publicada en castelán.
Despois de cursar o Máster de Edición Universidad Autónoma de Madrid-Taller de Libros traballou no mundo editorial en calidade de lector de manuscritos, corrector, tradutor e tamén en prensa. Historiador do Arte de formación, na actualidade dedícase ao ensino.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.