Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Como o teatro, o cinema ou o humor poden axudar a que falemos en galego

Do teatro á videocreación, pasando polo cinema e o humor. As artes poden ser un elemento normalizador poderoso. Esta é a tese que defende o programa dos XXIV Encontros para a Normalización Lingüística, unha cita de referencia no debate, reflexión e análise da situación presente e futura da lingua galega.
Un encontro que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). “Nestes XXIV Encontros queremos abrir un debate coas creadoras e creadores artísticos do país co ánimo de tecer redes no sector e potenciar a lingua de xeito cooperativo, posto que, como poñen de relevo as últimas tendencias, confiamos no potencial das artes para exercer de elementos normalizadores”, indican desde o CCG.
O programa de 2022 comeza a principios de outubro coa publicación de catro pezas audiovisuais, difundidas a través das canles propias do Consello da Cultura Galega e noutros espazos habituais da creación cultural. O encontro propiamente dito será o día 20 de outubro.
Creadores recoñecidos como Xosé Antonio Touriñán, Guadi Galego, Alba Cid ou Quico Cadaval, entre moitos outros, debaten sobre a arte como unha ferramenta de construción masiva. Está aberta a inscrición da xornada presencial destes encontros, que se desenvolverá o 20 de outubro. A xornada ten tamén unha parte virtual, que son os vídeos elaborados por Fran da Lobeira, da Lobeira Today, e Nee Barros, de Neeumatiko, nos que os creadores participantes debaten sobre a relación entre arte e lingua. Os vídeos pódense consultar desde hoxe no noso web.
Ligazóns relacionadas
http://consellodacultura.gal/evento.php?id=201322

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.