Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Cal é a relación das empresas galegas coa lingua galega?

Cal é a relación das empresas galegas coa súa lingua nativa?. Unha pregunta complexa dependendo das empresas e do seu compromiso co país e cos productos do país. “O noso non é utilizar a lingua no Nadal ou o 17 de maio”. Así de rotundo se pronuncia Pedro González Boquete, avogado e directivo de Leite Noso, a cooperativa que está detrás de Deleite. “O máis coherente para unha empresa que nace en Galicia, formada por galegos, con capital galego e cun Consello de Administración que fala galego é que a súa comunicación, as súas relacións internas e externas sexan nesta lingua”, engade.

Usar a lingua galega tamén é unha decisión política e estratéxica“, sinala Antón Ínsua, un dos impulsores de Coop57. Esta cooperativa de crédito non baralla o uso doutra lingua que non sexa o galego, sobre todo, para esta entidade que apoia proxectos de economía social e autoxestión como é o caso da rede de escolas Semente ou o Númax.

Tamén Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón, director xeral de Caixa Rural Galega, destaca que a maior parte da comunicación comercial deste banco xa se fai en galego, “que é a lingua que maioritariamente falan os nosos clientes”, destaca. Con todo, recoñece as dificultades que tivo a entidade bancaria para tentar introducir o galego no sistema bancario do país.

VEGALSA-EROSKI, “MOITO QUE MELLORAR”

Pero non todas as empresas teñen a mesma posición coa lingua, tal e como foron debullando estes responsables de diferentes empresas e entidades que participaron nos XXV Encontros para a Normalización Lingüística que organizou o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Entre elas, Vegalsa-Eroski. Gabriela González, a responsable de Comunicación e RSE da empresa sinalou que a sua empresta “ten moitas cousas que mellorar” e, obviamente, entre elas, está a do uso do galego. De feito, esta distribuidora, a pesar de apoiar algúns eventos relacionados coa cultura galega, como é o 17 de maio, non fai publicidade en galego nin en medios en lingua galega.

Todo o contrario que Leite Noso que aposta activamente pola cultura galega e o apoio de festivais galegos. “A política lingüística de Deleite é natural e activa“, indicou Pedro González Boquete quen tamén apuntou que a empresa xa emprega o galego nas súas comunicacións internas e externas.

BUSCAR UNHA RELACIÓN COMERCIAL EN GALEGO

Diferente é a relación cos clientes en Caixa Rural.  “A nosa política lingüística é aberta. Son os clientes os que deciden o idioma de relación coa caixa e os nosos sistemas están preparados para atendelos en galego”, apuntou Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón. A entidade xa ofrece todos os contratos traducidos, o que lle permite potenciar a lingua e reforzar a propia estratexia empresarial.  “Somos un actor financeiro local de moita referencia nas nosas zonas de actividade. Non tería sentido procurar o desenvolvemento económico desas áreas e non ter a posibilidade dunha relación comercial en galego”, engadiu.

O GALEGO, “UNHA VANTAXE”

Tamén Xosé Lois Lamazares, responsable de Daveiga, empresa que fai as galletas Mariñeiras, reivindicou a lingua galega e o seu vínculo natural ao proxecto. “O feito de comunicar e transmitir en galego, na Galiza, é unha aposta polo país, unha mostra de compromiso e respecto cara ás consumidoras”, afirmou. Por iso, animou a outros emprendedores a empregar o galego como primeiro idioma de comunicación porque “son todo vantaxes” malia que “fóra non ten tanto poder pero tampouco estorba”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.