Cando paseamos polos montes e camiños de Galicia é frecuente atopar unha planta de flores tubulares e vistosas, que penduran en longos racimos de cor rosada ou violácea. Trátase da planta coñecida polo seu nome científico como Digitalis purpurea, unha especie moi común na nosa paisaxe que, curiosamente, recibe unha ampla variedade de nomes segundo a zona. Pero por que acontece isto?
A riqueza da diversidade dialectal
O galego, como todas as linguas vivas, presenta unha grande diversidade de variantes dialectais. Moitos termos populares relacionados coa natureza foron transmitidos oralmente ao longo das xeracións, evolucionando segundo a fonética, os costumes e a propia historia de cada rexión. A Digitalis purpurea é un excelente exemplo desta riqueza lingüística, xa que en Galicia existen decenas de nomes distintos para referirse a ela.
De “estalotes” a “troques”: os nomes máis habituais
Entre as denominacións máis estendidas, atopamos estalote (e as súas variantes estralote, estraloque, estralantes, estaloxes…), propio da zona de Compostela, Bergantiños e parte da provincia de Ourense. Outra forma moi frecuente é estoupe (estoupo, estoupón, estoupona…), que se pode escoitar nalgún puntos como O Carballiño, Ribadeo ou A Fonsagrada. Ademais, en zonas como a Mariña Lucense, Lugo interior ou o sur de Pontevedra é común escoitar troques (tróqueles, trócalas, trócal…).
Outros nomes moi estendidos inclúen bilitroque, bilicroque ou milicroque, que presentan unha gran variedade de formas como bilitrocas, malitrocas, meliclocas ou microques, dependendo da zona. Na provincia da Coruña, especialmente nos seus límites orientais, aparece a denominación sanxoán (tamén sanxoao, sanxuán, sanjuan ou savane). Por último, en Mondoñedo é habitual a forma abeluria (abelorio, abrula).
Mapa de nomes da planta Digitalis Purpurea en galego / Atlas Lingüístico do galego
Nomes minoritarios e curiosos
Ademais das variantes máis comúns, existen outras menos coñecidas pero igualmente interesantes. En certas zonas chamános caraveles de estalar ou simplemente caraveles, en referencia ao seu parecido coas flores homónimas e ao ruído que fan cando se enchen de aire e se fan “estoupar”. Outros nomes curiosos son estoroutes da manta do sapo, galanas, galos, calzois de cuco, foniles, candiles, borleta, chopo e choupos.
Unha planta con historia
Alén da diversidade lingüística, a Digitalis purpurea ten unha importancia especial tanto na cultura popular como na medicina. O seu nome común en castelán, “dedalera”, refírese á forma das súa flores, que lembran un dedal. Tradicionalmente, a planta foi utilizada pola súa substancia activa, a dixitalina, un composto que afecta ao ritmo cardíaco e que se empregou no tratamento dalgunhas doenzas do corazón. Porén, a súa toxicidade fai que o seu consumo sen control sexa extremadamente perigoso.