Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Así soa a Terra de Tanxugueiras cantada e bailada polo alumnado dun instituto galego en Buenos Aires

Alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apostol de Buenos Aires agasallaron con esta interpretación aos participantes logo da xuntaza que mantiveron do presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes na Fundación Luis Seoane.

Sinalan dende a RAG que a recepción do presidente ao alumnado do colexio arxentino galego é xa unha tradición. Moitos dos mozos e mozas do último curso da secundaria que cada curso visitan Galicia teñen raíces galegas, pero tamén abondan outros sen vínculos familiares co noso país que se mergullan de cheo na cultura e na lingua galega a través da súa formación neste centro educativo.

Víctor F. Freixanes salientou a emoción que causa recibir os estudantes deste colexio e agradeceu o labor do profesorado que fai posible gañar para a cultura galega novas xeracións que viven á outra beira do Atlántico.

Como di a peza que interpretaron, non hai fronteiras para a nosa cultura.

As interpretes son Lourdes Gómez Bermúdez, cuxos avós se asentaron en Buenos Aires procedentes de Muxía e Santiago de Compostela, e Maite Mercado, con raíces en Colombia e Ucraína, puxeron as voces. Os bailadores son os seus compañeiros Bautista Rojas, Nicolás Basovnik e Candela Doural Oubiña. Os avós de Bautista proceden de Pontevedra, a familia de Nicolás ten raíces checas e en Asados (Rianxo) e a de Candela é orixinaria de Vilagarcía de Arousa e Baiona.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.