Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Así é Proxector, un recurso didáctico para docentes, universidade e Ensino Medio

Hai xusto un ano USC e Consello da Cultura Galega (CCG) presentaban a renovación de Proxector, un espazo web que naquela altura contaba con 600 vídeos didácticos feitos ou subtitulados en galego e que, na actualidade, supera xa o milleiro de pezas audiovisuais. Proxector é un catálogo que está en continua actualización e pensado para que a comunidade didáctica engada contidos. Todas aquelas persoas que queiran participar neste proxecto co que se quere outorgar visibilidade a materiais científicos, de calidade e en lingua galega, dirixidos a docentes e alumnado universitario e de Ensino Medio, poden enviar a súa suxestión a snl_lugo@usc.gal ou cdsg@consellodacultura.gal.

Proxector iniciara a súa andaina en 2015 pero a renovación de xaneiro de 2022 conformou, alén dun redeseño visual, un cambio de concepto para ofrecerlle á comunidade universitaria e ao estudantado de secundaria, recursos didácticos en galego. Todos os contidos pasaron a estar aloxados no repositorio creado polo CCG, o que lle outorgou unha maior estabilidade e difusión, e ampliouse o seu público ao incorporar recursos dirixidos ao ensino secundario. Deste xeito, esta iniciativa permite actuar nun ámbito tan relevante para a normalización lingüística como é o ensino preuniversitario —ESO, bacharelato e FP.

Proxector conta cun buscador que permite procurar recursos por palabras presentes no título ou na descrición que acompaña a cada vídeo. Ademais, pódense facer buscas a partir dunha ampla lista de temáticas (desde a arquitectura ata a xeoloxía, pasando polo dereito, a medicina ou a química), segundo o idioma do seu audio ou dos seus subtítulos (galego ou portugués), ou segundo o nivel de ensino para o que se consideran máis acaídos.

O traballo de actualización e xeración de novo contido en Proxector desenvólvese en dúas liñas. Por un lado, a incorporación case continua de novos recursos audiovisuais, que permitiu superar o milleiro en menos dun ano de vida. E polo outro, a elaboración mensual de Especiais, compilacións temáticas que aproveitan algunha efeméride ou acontecemento de relevancia científica para seleccionar unha ducia de vídeos vinculados con ela, desde a educación á divulgación agropecuaria, ou desde a xenética ao quecemento global (o último Especial publicado).

A orixe

A USC puxo a andar en 2015 unha iniciativa para compilar recursos educativos en galego. Fíxoo a través do portal educativo Didactalia e só para o eido universitario. En 2018 o CCG, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística, sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.