A influencer cubana Anita Mateu, coñecida en Instagram como @botalleazucre, está a documentar o seu proceso de aprendizaxe do galego a través dun reto no que busca falar a lingua en 100 días. A súa meta é clara: conseguir expresarse en galego antes do 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas. Nos seus vídeos, reflexiona sobre frases feitas, o uso do idioma na vida cotiá e arelación do galego co portugués.
Anita, que leva dous anos en Galicia, recoñece que ao principio non comprendía moito a lingua, pero agora entende perfectamente as conversas que escoita ao seu redor. Con todo, admite que aínda responde en castelán. Para mellorar a súa práctica oral, pretende desafiarse a pedir un almorzo en galego nunha cafetería, entre outros retos que documentará na súa conta.
Unha ponte entre culturas
O nome da súa conta, Bótalle azucre, é unha homenaxe á cantante Celia Cruz e á súa icónica frase “¡Azúcar!”. Segundo explica a influencer, “considerei interesante poñelo en galego para mesturar un pouquiño o mellor dos dous mundos”. Nos seus vídeos tamén destaca a conexión entre galego e portugués, subliñando a súa orixe común.
Anita tamén se interesa pola cultura galega e os seus costumes, compartindo reflexións sobre frases típicas como “Se chove, que chova” ou “Marcho, que teño que marchar”. Ademais, unha das súas palabras favoritas é “morriña”, un termo que considera único e moi expresivo.
A importancia do galego para integrarse en Galicia
A influencer destaca a relevancia do galego para a integración social e laboral. Segundo explica nos seus vídeos, aprender o idioma pode abrir portas no mundo profesional, xa que moitos compañeiros de traballo o falan habitualmente. Neste sentido, tamén informa sobre onde se poden atopar clases de galego para quen queira aprender.
Vive nunha vila galega e considera que nestes espazos o uso do galego está moito máis arraigado que nas cidades. Nun dos seus vídeos, conta que unha seguidora chamouna “riquiña”, unha palabra que ao principio non entendeu, pero que agora lle resulta entrañable.
Con este reto, Anita Mateu busca visibilizar o galego e fomentar o seu uso entre as persoas que chegan a Galicia desde outros países, demostrando que calquera pode aprender e integrarse lingüisticamente se se marca o obxectivo de facelo.